Gastronomía local e sostible dende os fogóns do Anllóns

Cinco concellos disporán de 1,5 millóns de euros para impulsar o proxecto // O obxectivo é crear un produto turístico de calidade
Turismo
Manuel Lavandeira
Xosé Regueira, sexto pola esquerda, con alcaldes, concelleiros e técnicos na presentación en Golmar. Foto: Deputación Coruña

O Centro de Interpretación dos Muiños da Costa da Morte, situado en Golmar (A Laracha), acolleu a presentación do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do proxecto Os fogóns do Anllóns, toda vez que xa é oficial a súa inclusión na Conferencia Sectorial de Turismo cunha concesión de 1,5 millóns de euros de fondos europeos.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, e o alcalde de A Laracha, José Manuel López Varela, presidiron o acto no que participaron tamén alcaldes e concelleiros e concelleiras dos cinco concellos que forman parte do proxecto: Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco, A Laracha e Ponteceso. Tamén participou persoal técnico de turismo da Deputación, dos concellos de Carballo e de Ponteceso, e da empresa EOSA Estrategia y Organización S.A, a encargada de elaborar a candidatura e realizar os diferentes reaxustes en relación aos fondos concedidos.

Convén lembrar que o proxecto Os fogóns do Anllóns está concibido para ofrecer un produto turístico de calidade, baseado na gastronomía local e sostible da comarca de Bergantiños, e para cumprir cos catro eixos transversais que os fondos Next Generation esixen para poder acceder ás súas axudas.

Os fogóns do Anllóns prevé crear unha rede de miradoiros e espazos novos, como praias fluviais; limpar e eliminar as especies invasoras nas beiras dos ríos, habilitar servizos de paseo en embarcacións limpas, rutas de cicloturismo e alugueiro de bicicletas, mesmo en restaurantes, e, sobre todo, valorizará o sendeiro do Anllóns, de 53 quilómetros, que é o eixo nuclear deste proxecto.

Outra das accións estará orientada a explicar con realidade aumentada e códigos QR a gastronomía local, ao tempo que se incentivará o embelecemento de restaurantes, potenciaranse as feiras locais e deseñaranse rutas gastronómicas que aposten especialmente polo produtos de quilómetro 0.

Durante a xuntanza, Xosé Regueira fixo fincapé na necesidade de socializar e divulgar o propio proxecto entre a comunidade local, tanto social como económica, mais tamén en foros turísticos especializados.