Homenaxe ao Batallón Literario da Costa da Morte no seu vinte e cinco aniversario

O Bela Fisterra recolleu reflexións e recitais dos escritores nun vídeo // Foi presentado no Museo do Pobo Galego, en Santiago
Literatura
Manuel Lavandeira
Dvd homenaxe ao Batallón Literario da Costa da Morte no seu 25 aniversario. Foto: Bela Fisterra

Medio século despois da eclosión do Batallón Literario da Costa da Morte, varios dos escritores que formaron parte do colectivo, xunto con outros contemporáneos e novas voces da poesía, contribuíron á lembranza do movemento con recitais e reflexións recollidas nun DVD a partir dos vídeos que durante corenta días emitiu o Hotel Bela Fisterra nas súas redes sociais.

Unha homenaxe audiovisual que foi presentada no Museo do Pobo Galego, en Santiago, nun acto no que participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director do museo, Manuel Vilar; o poeta fisterrán e coordinador do proxecto, Modesto Fraga; e o xerente do Bela Fisterra, Pepe Formoso, ademais de escritores e escritoras do Batallón Literario.

“O legado do colectivo quedou na historia dos libros e xa se estuda nos colexios”, subliñou Pepe Formoso. Agora recóllese tamén en formato audiovisual “porque, se o Batallón Literario nacese hoxe, estaría moi presente nas redes sociais”, engadiu. A presentación “estivo cargada de emotividade”, segundo Formoso, xa que “fíxose ao pé do Panteón de Galegos Ilustres, onde repousan Rosalía de Castro e Castelao, entre outros”.

No vídeo participan coas súas voces Concha Blanco, Alexandre Nerium, Fernando Cabeza Quiles, María Lado, Domingo Tabuyo, Xosé María Lema, Rosa Méndez, Estevo Creus, Rafa Vilar, Manuel Vilar, Xosé Iglesias, Xosé H. Rivadulla Corcón, Rocío Leira, Modesto Fraga, Paco de Tano, Miro Villar, María Canosa, Moncho Bouzas, David Creus Andrade, Sesé Canitrot, Rafael Lema, Rosalía Fernández Rial, Miguel Anxo Fernán Vello, Xoán Alberte Moure, Diana Varela, Xavier Seoane, Xosé Manuel Lobato, Roberto Traba Velay, Eduardo Toba, Rocío Blanco, Xesús Bermúdez, Marilar Aleixandre, Xosé Antonio Andrade, Branca Vilela, Chisco Fernández Naval, Natalia Lema, Luís Lamela García, Ainhoa Conde, Rafael Mouzo, Serxio Iglesias e Mónica Goñez.

comarcas@elcorreogallego.es