APOIO. Negocios de 46 concellos recibiron o segundo espaldarazo económico da Deputación // Un 85 % das tres mil solicitudes rexistradas xa están pagadas // Donde máis establecementos se beneficiaron foi en Carballo, con sesenta TEXTO S. S.

Hostaleiros e axentes de viaxe de Área reactívanse con 667 axudas

Hostalaría
Suso Souto
BALANCE. José Ramón Rioboo, esquerda, e Valentín González Formoso fixeron balance das axudas. Foto: D.C.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, deron a coñecer os resultados do segundo plan Reactiva de dita institución provincial, deseñado especificamente para apoiar e impulsar a reactivación de negocios de hostalería e axencias de viaxes, que están entre os máis afectados pola pandemia da COVID.

Das 3.000 solicitudes rexistradas, un 85 % (2.530) xa están pagadas. “Todas as axudas, incluídas as das empresas das grandes cidades, foron tramitadas directamente pola Deputación cun tempo medio de pago de 8,2 días. Un auténtico récord para calquera administración que se debe ao gran traballo do departamento de Promoción Económica e Emprego”, afirmou Valentín González, quen detallou que a vindeira semana estarán pagadas o 100 %.

O presidente subliñou que os plans Reactiva suman no último ano 25 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia e que supoñen “unha aposta importante pola reactivación económica da provincia”. No caso das axudas á hostalería, alcanzarán os 4,5 millóns.

Pola súa banda, José Ramón Rioboo destacou tamén o investimento histórico que está a facer a Deputación na área de Emprego durante o último ano. “A pandemia fixo que nos reiventáramos para destinar preto de 25 millóns de euros á reactivación da provincia”, sinalou.

Asimesmo, explicou que as axudas son de 1.500 euros por negocio e que o 86 % dos beneficiarios son bares e restaurantes, seguidos das empresas de hospedaxe (10 %) e axencias de viaxes (3,6 %).

Por último, soamente 11 salas de festas e discotecas presentaron solicitudes ás axudas do Pel-Reactiva II, o que supón o 0,4 % do total.

No referente á distribución por concellos, a meirande parte dos solicitantes teñen o seu domicilio fiscal en A Coruña (825), Santiago (487), Ferrol (231), Narón (88), Carballo (65), Fisterra (57) e Arteixo (56).

En canto á distribución de solicitudes por comarcas, a da Coruña é a que máis solicitudes presentou, cun total de 1.169, por importe de 1.753.500 euros, seguida das de Santiago, con 808 solicitudes por importe de 1.212.000 euros, e Ferrol, con 526, por importe de 789.000 euros.

En resumo, as 3.010 solicitudes recibidas por parte de hostaleiros e axencias de viaxes da provincia supoñen un importe solicitado de axudas de máis de 4,5 millóns de euros.

No ámbito de Área de Compostela foron 667 as axudas que chegaron a negocios de 46 concellos. En Ames concedéronse 41, en Arzúa 24, na Baña 5, en Boiro 15, en Boqueixón 6, en Brión 9, en Cabana de Bergantiños 3, en Camariñas 8, en Carballo 60, en Carnota 14, en Cee 15, en Corcubión 10, en Coristanco 7, en Dodro 7, en Dumbría 10, en Fisterra 52, na Laracha 13, en Laxe 12, en Lousame 6, en Malpica de Bergantiños 11, en Mazaricos 10, en Melide 23, en Muros 28, en Muxía 9, en Negreira 12, en Noia 21, en Ordes 21, en Oroso 6, en Outes 15, en Padrón 12, no Pino 14, na Pobra do Caramiñal 8, en Ponteceso 6, en Porto do Son 9, en Rianxo 6, en Ribeira 29, en Rois 4, en Santa Comba 20, en Teo 36, en Tordoia 3, en Touro 7, en Trazo 4, en Val do Dubra 7, en Vedra 11, en Vimianzo 9 e en Zas 9.