EURORREXIÓN. A EFA Fonteboa de Coristanco, o Centro Agroforestal de Sergude e o IES de Arzúa participan no proxecto europeo FunCAP // Achegará aos mozos ao medio rural dunha forma lúdica e cunha visión positiva TEXTO Manuel Lavandeira

Ideas para a política agrícola da UE dende catorce escolas

Proxecto europeo
Manuel Lavandeira
Os mozos e mozas de catorce escolas de Galicia e Portugal reflexionarán sobre a futura PAC, que se aplicará a partir do ano 2023. Foto: FunCAP

Tres centros escolares do ámbito de Área de Compostela participan en FunCAP, un proxecto europeo que pretende difundir entre os máis mozos e mozas os beneficios da Política Agraria Común (PAC) na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O programa está coordinado pola Fundación Juana de Vega e financiado polo Programa de medidas de información no ámbito da política agrícola común (IMCAP).

Na devantida iniciativa están involucrados máis de 400 alumnos e alumnas de catorce escolas da eurorrexión, entre eles os da Escola de Formación Agraria Fonteboa, de Coristanco; o IES de Arzúa; e o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, en Boqueixón. A lista de centros galegos que se sumaron ao proxecto complétana o IES Arcebispo Xelmírez II, de Santiago de Compostela, e os centros de formación e experimentación agroforestal de Becerreá (Lugo) e Lourizán (Pontevedra).

Pola súa banda, no país veciño de Portugal participan as escolas profesionais de agricultura e desenvolvemento rural de Marco de Canavesses (Rosém), Ponte de Lima e Vagos; as escolas agrícolas Conde de Sao Bento (San Tirso), Silva Nunes (Molares Celorico de Basto) e as escolas profesionais do Alto Douro (Sao Joao da Pesqueira Viseu) e Campo Sra. da Agonia (da localidade de Viana do Castelo).

A partir do mes de marzo de 2022 o alumnado e o profesorado dos referidos centros educativos participarán en dinámicas de xogo didáctico deseñadas polo proxecto FunCAP e contribuirán á reflexión conxunta para o deseño de propostas construtivas para o novo período de programación da PAC que se aplicará a partir do ano 2023.

Representantes da Fundación Juana de Vega e profesorado das escolas participantes xa mantiveron unha primeira xuntanza en formato online para planificar a marcha do proxecto ao longo de 2022.

Como parte do mesmo, a empresa galega Brazolinda desenvolverá un xogo de mesa que despois se probará ao longo do primeiro semestre nos catorce centros para trasladar dun xeito divertido os principais beneficios da PAC, o Pacto Verde Europeo e a Estratexia da Granxa á Mesa. Ademais, o proxecto difundirá a través das redes sociais contidos para desmentir as fake news ou ideas erradas e a desinformación sobre os obxectivos da PAC, un eixo estratéxico na construción da Unión Europea que contribúe a garantir o acceso da poboación europea a unha alimentación saudable, segura e a prezos asequibles. FunCAP tamén ten previsto organizar dous seminarios online con expertos na PAC, así como un seminario final con máis de cen participantes.

O proxecto conta cun comité asesor integrado por unha ampla representación do sector agrogandeiro da eurorrexión. Por parte da Fundación Juana de Vega participan José Manuel Andrade Calvo e Alfonso Rivals Álvarez; como expertos na PAC, os profesores universitarios Edelmiro López e Artur Cristovao; por parte dos produtores, Javier Iglesias e Armando Fontainhas; Manuel López, da Axencia Galega de Calidade Alimentaria; Rosario Couto, da Consellería de Educación; e Luis García e Rui Ribeiro, en representación das escolas.