BOSQUES. Os proxectos serán desenvolvidos maioritariamente por comunidades de montes en man común en nove concellos // Plantarán coníferas e frondosas // Contarán con máis de douscentos mil euros de subvención TEXTO Manuel Lavandeira

Impulsan a creación de máis de cen hectáreas forestais na zona

Sector forestal
Manuel Lavandeira
As axudas están dirixidas á plantación de especies como piñeiros, carballos, castiñeiros e nogueiras. Foto: Consellería do Medio Rural

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado día 17 de agosto a resolución da Consellería do Medio Rural das axudas concedidas para a creación de superficies forestais. A Xunta concedeu estas achegas a todas aquelas solicitudes que cumprían cos requisitos requiridos. Así, un total de 173 beneficiarios plantarán coníferas e frondosas -tales como piñeiros, carballos, castiñeiros e nogueiras- en 2.527 hectáreas, a través dunha axuda de preto de 5 millóns de euros para as anualidades de 2021 e 2022 (correspondendo 1,2 millóns ao 2021 e os 3,5 restantes ao vindeiro exercicio de 2022).

Deses beneficiarios doce pertencen ao ámbito de Área de Compostela, concretamente aos concellos de A Pobra do Caramiñal, Mazaricos, Coristanco, Rianxo, Muros, Porto do Son, Negreira, Boiro e A Estrada. Recibirán un total de 221.461,01 euros en concepto de axudas e repoboarán un total de 114,52 hectáreas.

A lista de adxudicatarios das subvencións neste ano no ámbito de Área de Compostela está integrada polas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) Sampaio, As Taras, San Isidro, Conga, Igrexa, Armental, Rego da Horta, Batán, Cruceiro Novo do Trouxal, Vilas e Entrerríos, de A Pobra do Caramiñal; Colúns (Mazaricos); Erbecedo (Coristanco); Leiro (Rianxo); Figueroa (Muros); San Pedro de Muro (Porto do Son); San Xoán de Xerres (Muros); Baroña (Porto do Son); Montañó, Montaña, Piñeiro e As Escobias (Boiro); e Buía, A Capela, Carballal, A Ferrería, Foxacos, Gans, A Ermida, Os Xufreus, Os Lemos, As Miráns, Outeiro, Pousada, Rábade, O Toural e Traba (Rianxo), ademais de Requián S. L. (A Estrada) e Ángel Luis Rodríguez Caamaño (Negreira).

Se analizamos as solicitudes por provincias, o 37% correspóndese á provincia de Ourense con 64 beneficiarios que crearán 1.311 hectáreas, seguida pola provincia de Lugo con 53 beneficiarios e 523 hectáreas. En Pontevedra son 42 os beneficiarios con 547 hectáreas e, finalmente, na Coruña serían 14 os beneficiarios que crearán 147 hectáreas. Das 173 solicitudes totais aprobadas, 149 correspóndense a comunidades de montes veciñais en man común, 14 a particulares e 10 a agrupacións.

As subvencións, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), van destinadas ás Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), aos propietarios particulares de forma individual e ás asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.

Tamén están incluídas as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.

Os beneficiarios deberán xustificar os gastos con facturas e recibos de pagamento, e aportar tamén unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, indicando as actividades realizadas e os resultados obtidos coas unidades desagregadas por parcelas e traballos. Asemade, deberán elaborar unha memoria económica xustificativa e un arquivo gráfico, entre outros documentos.