INFRAESTRUTURAS. Na primeira fase renovaranse as redes centrais da vila ceense e construirase un novo tanque de tormentas // A tecnoloxía do actual sistema de depuración está obsoleta // O investimento será de 8,1 millóns TEXTO M. Lavandeira

Impulsan o plan para sanear as augas da ría de Cee-Corcubión

Infraestruturas
Manuel Lavandeira
As actuacións permitirán eliminar moitos dos vertidos á ría de Cee-Corcubión motivados polas carencias da rede actual de saneamento. Foto: Fuentes

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de solicitarlle ao Concello de Cee a documentación municipal necesaria para a mellora do saneamento que dá servizo a este municipio e ao de Corcubión, na que prevé investir 8,1 millóns de euros.

Este trámite é necesario para que a Administración autonómica poida executar estas obras sobre unhas instalacións de competencia municipal, como son as redes de saneamento. Estes traballos conforman a primeira fase das actuacións proxectadas ao abeiro do Plan de saneamento da ría de Cee e Corcubión para mellorar o funcionamento do sistema de tratamento das augas residuais dos dous concellos.

O estudo realizado “mostrou deficiencias no funcionamento dos bombeos e a existencia dun sistema de depuración cunha tecnoloxía de tratamento obsoleta”, sinalan dende a Xunta. O diagnóstico efectuado constata que o sistema de saneamento é unitario e que en tempo de chuvia é incapaz de bombear a totalidade de caudais recollidos, producíndose numerosos alivios que, entre outras consecuencias, provocan que a praia de Cee teña prohibición permanente de baño.

Nesta primeira fase de traballos está previsto renovar o colector das Laxes, construír un novo tanque de tormentas e executar un novo colector no bombeo das Monxas que leve ata a nova estrutura as augas residuais e posteriormente á estación depuradora.

Para que Augas de Galicia poida licitar as obras, cómpre o cumprimento por parte do Concello de Cee da súa parte de tramitación, conforme a normativa que regula a colaboración da Xunta cos municipios en materia de infraestruturas hidráulicas. Como beneficiario desta colaboración do Goberno galego nas súas competencias de saneamento e depuración, deberán aprobar o proxecto en pleno municipal, poñer os terreos á disposición e asumir o compromiso de recepción e explotación das actuacións.

A alcadesa de Cee, Margarita Lamela, sinalou que o proxecto vai ser sometido a exposición pública e, despois será o pleno que o ratifique definitivamente.

Ademais de investir 8,1 millóns de euros na mellora do saneamento de Cee e Corcubión, a Xunta, a través de Augas de Galicia prevé iniciar proximamente a redacción do proxecto de construción da nova depuradora, conforme o recollido no convenio asinado co Concello de Cee. Esta actuación correspóndese coa segunda fase das actuacións proxectadas no Plan de saneamento da ría.

FONDOS EUROPEOS. En virtude do convenio asinado, a Xunta destinará 347.000 € á redacción do proxecto da nova depuradora, para o que o Concello se comprometeu a poñer os terreos á disposición. As actuacións que o Goberno galego está a desenvolver para o saneamento da ría de Cee-Corcubión están cofinanciaciadas pola Unión Europea, a través do programa operativo do Fondo europeo de desenvolvemento rexional FEDER 2014-2020. O departamento que dirixe Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios “para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia local”.