MUXÍA. O Parador da Costa da Morte acolleu a inauguración da XI Semana Internacional do Contract // O sector factura o noventa e cinco por cento no mercado exterior TEXTO J. Ramos

Impulso á cadea de valor da industria forestal de Galicia

Industria
Manuel Lavandeira
Asistentes ao acto de entrega do selo Galicia Calidade ao hotel Bela Fisterra pola instalación de xeotermia. Foto: Xunta

A décimo primeira Semana Internacional Contract Galicia, que ten como obxectivo achegar as tendencias e oportunidades de negocio internacionais e promover reunións e networking entre as empresas do sector e prescriptores internacionais de renome, comezou este luns no Parador da Costa da Morte, en Muxía.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, presidiu o acto inaugural, e anunciou que a Xunta destinará nos orzamentos de 2022 un total de 15 millóns de euros ao impulsto de toda a cadea de valor da industria forestal.

No momento no que a sostibilidade e a dixitalización son dous dos grandes obxectivos do sector do contract, Conde asegurou que na cadea de valor da madeira se poden atopar importantes solucións a estes retos. De feito, engadiu, “ofrece propostas renovables, reutilizables e reciclables enmarcadas na bioeconomía e a economía circular, así como novos materiais derivados da madeira, como os que se pretenden obter coa planta de fibras textís e que está proxectada de cara aos fondos europeos Next Generation”.

Puxo tamén en valor o traballo das empresas galegas do sector contract que, explicou, “souberon entrar nesta canle, adquirir experiencia e habilidade para ofrecer os seus servizos en todo o mundo”. Así, engadiu, teñen en Estados Unidos o primeiro mercado, en Latinoamérica unha das rexións de maior desenvolvemento, e na China unha oportunidade a medio e longo prazo.

Galicia ofrece diversidade de empresas, capacidade industrial e innovadora, e está moi enfocada á internacionalización, “xa que o mercado exterior supón o 95 % do total da facturación do contract galego”, subliñou. De feito, “xa levan realizado 10.000 proxectos construtivos en 800 cidades do mundo a través de cadeas hoteleiras, do sector reatil ou de grandes corporacións empresariais e bancarias”.

O vicepresidente económico confiou en que este encontro serva para achegar as tendencias e oportunidades de negocio no ámbito internacional, que pasan pola sostibilidade e a dixitalización a través dos novos materiais, o ecodeseño ou a construción de espazos e inmobles enerxeticamente eficientes.

SANTIAGO. A Semana Internacional do Contract terá continuidade este martes, día 26 de outubro, en Santiago, cunha nova xornada de networking e reunións individuais entre empresas e os prescriptores e relatores participantes. Neste caso a sesión terá como marco os salóns do hotel AC Palacio del Carmen.