Íntegro, Apem, Cruz Vermella e a AECC, xuntos polo X solidario na renda

Solidariedade
Manuel Lavandeira
Participantes na iniciativa dando forma ó X. Foto: A. Íntegro

Carballo. Representantes e persoas usuarias de varias entidades sociais da Costa da Morte, como Íntegro, Asociación Pro Enfermos Mentais (Apem), Cruz Vermella e a Asociación Española de Loita contra o Cancro (AECC), reuníronse na Praza do Concello de Carballo para formar un xe simbólico e solidario co que lembrar á cidadanía a importancia de marcar a casiña 106 na declaración da renda. “A ti non che custará nada e axudarás a quen máis o necesita”, afirman ó respecto.

Esta acción permitirá financiar programas e iniciativas dirixidas ás persoas maiores e con discapacidade, mozos, mulleres, familias e persoas migrantes.

Os proxectos que se desenvolven con esas aportacións solidarias atenden realidades diversas, como a asistencia e apoio a maiores en centros de día ou nos seus domicilios e a axuda a persoas con discapacidade física ou intelectual, así como ás súas familias.

Ademais, esta axuda tamén se concreta na asistencia a persoas sen fogar, na loita pola erradicación da violencia de xénero e na integración laboral. Igualmente serve para atender á poboación rural e a asistencia psicosocial a persoas diagnosticadas con cancro e outras enfermidades. Por outra banda, fináncianse tamén proxectos noutros países a través da cooperación internacional para o desenvolvemento. Neste caso trabállase con persoas en situacións de pobreza, mulleres, nenas e nenos, poboación refuxiada e defensores dos dereitos humanos. M. l.