Catro alumnas do Máster de Estudos da Literatura e a Cultura da USC buscarán entre os veciños historias e lendas sobre as masas forestais da zona // Pretenden descubrir de onde proceden nomes como Socoto ou Penauseira TEXTO Suso Souto

Investigan a orixe dos topónimos dos montes de Leiro, en Rianxo

Estudo toponímico
Suso Souto
AS PROTAGONISTAS. Pola esquerda, a presidenta da comunidade de montes de Leiro, Ánxela Miguéns, Sara Varela, Sirui Wang, Irene López e Andrea Castro, as autoras do traballo de investigación. Foto: C.M.L.

A comunidade de montes da parroquia rianxeira de Leiro non só é un exemplo e un referente no coidado das masas forestais, senón tamén na súa posta en valor, nos seus distintos aproveitamentos, na difusión do seu gran potencial e na implicación da cidadanía na súa defensa. As principais actuacións que leva a cabo están destinadas á prevención de incendios forestais, e tamén se realizan accións orientadas á diversificación de especies. Pero, dende hai un par de meses, os comuneiros de Leiro andan embarcados nun novo e ilusionante proxecto.

O colectivo xestiona os montes Pena, Leiro, A Trema, Cotro, Malladoira, Moucho, Pedriñas Negras, Pedrouso, Penauseira, Regueiro e Toxa de Palleira. Nomes que falan de historias, de lendas, de xentes...

O pasado mes de decembro, a comunidade asinou coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) un convenio de colaboración para o desenvolvemento de programas de aprendizaxe. Froito deste acordo, a semana pasada celebrouse un primeiro encontro coas catro alumnas do Máster de Estudos da Literatura e a Cultura que están implicadas nun interesante traballo de investigación sobre a orixe dos topónimos dos montes de Leiro.

Elías José Torres Feijó, membro do grupo de investigación Rede-Galabra, decano da Facultade de Filoloxía e profesor titular de Filoloxía Galega e Portuguesa, é a persoa responsable da materia na que se encadra o traballo: Estudos da Cultura.

As participantes no máster explican que a súa intención é afondar no coñecemento de como as narrativas inflúen nas persoas e nos espazos.

“Por parte da comunidade de montes de Leiro estamos interesados na conservación dos nomes da nosa contorna e tamén en historias e contos que poidan ter vinculacións co monte e a súa área de influencia”, sinala ao respecto a presidenta do colectivo, Ánxela Miguéns.

O vindeiro sábado día dous, as catro alumnas universitarias (Sara Varela, Sirui Wang, Irene López e Andrea Castro) desprazaranse a Leiro para establecer contacto con todas aquelas persoas que queiran colaborar nesta iniciativa. O encontro cos veciños e veciñas de máis idade da parroquia e con persoas que realizaron ou realizan algunha investigación sobre a zona terá lugar no centro social de Leiro, e non será o único. A forma de colaborar será aportando información sobre os nomes de distintas zonas do monte (nomes como Salgueiriños, Corniño, Socoto, Penauseira...) e sobre os contos e historias vinculadas con el.

proceso colaborativo. As persoas interesadas en participar deben estar pendentes dos avisos que se porán na páxina web da comunidade, e tamén ós carteis que se colocarán nos lugares habituais.

Ademais, poden establecer contacto coas persoas que forman parte da xunta reitora para manifestarlle o seu interese por participar e así poder coordinar os traballos.

Por outra banda, cómpre lembrar que, a través da Plataforma pola Defensa do Monte, á que están adscritos, os comuneiros de Leiro loitan por crear as condicións dunha ordenación conxunta dos montes que poña freo á ruína dos lumes, para poder desenvolver realmente os múltiples recursos que ten o monte.