Gastronomía. Milleiros de persoas achegáronse ao quilómetro cero de Galicia para degustar o prezado menú // José Ribagorda, pregoeiro da feira, confesouse “adicto” a este manxar, que conta con sete novos comendadores // O alcalde, José Crespo, afirmou que é xa unha icona do municipio TEXTO José M. Ramos

Lalín rendeu tributo ao gran Cocido

Gastronomía
José M. Ramos
Alfonso Rueda con Jose Ribagorda, dereita, saudaron a unha carrroza da Feira do Cocido lalinense. Foto: Xunta

Milleiros de persoas desprazáronse este domingo ata o quilómetro cero de Galicia para render tributo e, sobre todo, degustar o saboroso Cocido de Lalín coindindo coa celebración da cincuenta e cinco edición da feira impulsada para ensalzar os valores e sabores dos múltiples produtos que ofrece o porco.

Unha celebración que está recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional e que xuntou este ano en Lalín, ademais dos numerosos comensais, a tres delegacións extranxeiras: Chascomús (Arxentina), Federación dos Linden e Escaldes, así como ao periodista e presentador dos informativos da fin de semana en Telecinco, José Ribagorda, quen ademais exerceu de pregoeiro. Tamén acolleu a sete novos comendadores que tomaron posesión dos seus cargos nun acto ao que sumou, entre outras autoridades, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

O alcalde, José Crespo, inaugurou a festa subliñando que, logo de cincuenta e cinco anos, “a Feira do Cocido xa a convertemos nunha icona. É unha simbiose entre cocido e Lalín”. Afirmou que cada recuncho de Galicia ten a súa feira e o seu manxar, pero “nós tivemos a honra de coller fundamentalmente todo o que ten que ver cos produtos do porco e convertelos nunha ferramenta económica de primeiro nivel”.

A este respecto, sinalou que a cita comezou sendo unha celebración de un día, “e agora xa podemos falar do semestre do cocido, pois este é un prato desestacionalizado que se pode degustar todo o ano, aínda que principalmente no outono-inverno”.

Pola súa banda, José Ribagorda, confesou no seu pregón ser “adicto al cocido; los he probado todos, pero me quedo con el de Lalín”. Un menú que, engadiu, “en mi casa lo hemos institucionalizado”. Señaló además que é un prato “que revive vuestro pasado y os felicito por haberlo conservado; sois unos adalides de como la gastronomía conforma la identidad de un pueblo”.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sumouse aos eloxios e aproveitou a feira lalinense para enxalzar a calidade da gastronomía galega como un dos factores clave do éxito turístico da nosa comunidade.

A celebración comezou coa Encomenda do Cocido na que foron nomeados como novos embaixadoresdo prezado menú o propio pregoeiro, José Ribagorda; a empresaria lalinense Clara Rodríguez Pájaro; o embaixador da Arxentina en España, Ricardo Alfonsín; a xornalista da TVG Noelia Rey; o director de La Vuelta a España, Javier Guillén; a presidenta da Asociación Carabelo, Valentina Díaz; e o humorista e actor Xosé A. Touriñán. Entre as súas obrigas está visitar Lalín e comer o cocido alomenos unha vez ao ano, e así o prometeron facer todos eles.

Tralos actos protocolarios e a lectura do pregón, comezou un animado Desfile do Cocido, que foi seguido a pé de rúa por milleiros de veciños e visitantes. Carrozas, comparsas, charangas, agrupacións musicais e representantes de entroidos tradicionais galegos encheron de cor a vila lalinese, que acolleu tamén unha feira na que se podía atopar todo tipo de produtos para elaborar un bo cocido, así como outros alimentos galegos de primeira calidade.

Da animación musical encargáronse as charangas Km Cero e Leña Verde, e a festa pechouse cunha verbena na Praza da Igrexa amenizada pola charanga Ardores e a orquestra La Fórmula. Aínda que o día grande xa pasou, calquer día é bo para achegarse a Lalín para degustar o cocido, pois queda moito inverno por diante. Como ben lembrou o alcalde, é un menú que se pode saborear en calquera época do ano. Crespo lembrou que na súa casa, como noutras moitas, mesmo se comía no verán polas festas.

E non só en Lalín se pode degustar este manxar, senón que, tamén se serve máis aló das fronteiras galegas e ademais con fins solidarios. Así sucederá o vindeiro 30 de marzo, cando un grupo de cociñeiros viaxarán desde o quilómetro cero de Galicia ata a capital de España para elaborar un cocido lalinense para 1.111 comensais no Palacio de Cristal da Casa de Campo. Será con motivo do Cocido Solidario que organizará a Organización Nacional de Ciegos Españoles (ONCE).

Este é só un exemplo, pois o cocido galego está presente en moitos outros encontros e celebracións da man de moitos emigrantes que, non por estar lonxe da súa terra, deixan de saborear e presumir deste prezado menú alí onde se atopan.