MAR. Trátase dun itinerario guiado e sinalizado que percorre as principais zonas de extracción // O Concello, promotor da iniciativa, reforza así o atractivo turístico TEXTO Manuel Lavandeira

Laxe valoriza o seu percebe cunha ruta pola franxa costeira

Turismo
Manuel Lavandeira
O alcalde de Laxe, José Luis Pérez, á esquerda, acompañado de Rosa Quintana e Alfonso Rueda, iniciando a ruta en Laxe. Foto: Xunta Galicia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, percorreron este luns unha parte do itinerario da Ruta do Percebe de Laxe, un novo atractivo turístico dinamizador da economía local. O proxecto, promovido polo Concello laxense e apoiado economicamente pola Xunta ao abeiro dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), consiste na habilitación dun itinerario guiado e sinalizado que percorre as principais zonas de extracción deste crustáceo, poñendo en valor a beleza dos espazos naturais que atravesa. Trátase dun percorrido de aproximadamente 3 quilómetros que discorre por lugares de gran valor paisaxístico, como o faro de Laxe.

A actividade compleméntase con contidos promocionais, en tres idiomas, accesibles a través de códigos QR, a colocación dun tótem na oficina de turismo e coa edición de dípticos. Recibiu unha axuda de preto de 14.000 euros no marco da convocatoria deste ano de achegas aos proxectos dos GALP, na que se aprobaron 144 iniciativas.

Alfonso Rueda subliñou que esta ruta se suma a outras iniciativas vencelladas á cultura marítima galega e aos labores de extracción de marisco que espertan un grande interese entre os visitantes, o que supón un valor engadido para os seus territorios. O vicepresidente primeiro, ademais, puxo a Costa da Morte como exemplo do modelo turístico vencellado á natureza que demandan os visitantes e que tan bos resultados está a dar en Galicia.

Os seus atractivos, engadiu, son moitos e coinciden co modelo sustentable de calidade que persegue a Xunta e que esixen os fondos europeos destinados ao turismo, no marco do que se vai desenvolver o Plan Territorial do Litoral, a través do que se impulsará a posta en valor dos recursos e dos produtos turísticos da costa galega. Eventos como O naufraxio de Laxe, festa de interese turístico de Galicia, que se suma a outras nove festas recoñecidas a nivel autonómico en diferentes puntos da Costa da Morte, engaden un plus a outros valores naturais da contorna como a paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, a Ruta dos Faros ou a rede Eurovelo.

A conselleira do Mar, pola súa banda, salientou que a ruta do percebe de Laxe “é un exemplo dos bos froitos que dan os proxectos dos GALP, neste caso da Costa da Morte”. Subliñou ademais que o Concello de Laxe pretende que sexa un atractivo turístico e de dinamización da economía local e tamén incrementar o valor en lonxa dos produtos de pesca costeira artesanal, principalmente do percebe.