Loita obstinada por acabar na comarca compostelá co paro

Estanse a formar en albanelería e en actividades auxiliares de xardinería 16 persoas en Negreira
Obradoiro de emprego
Alba Prada
No centro, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, durante a súa visita a Negreira. Foto: Xunta

Un total de 16 desempregados estanse a formar en albanelería e en actividades auxiliares de xardinería no obradoiro de emprego dual de Negreira, Programa de Emprego Mocidade 2020. Un taller que comezou o 30 de setembro de 2020 e rematará o 29 de setembro deste ano.

Ata o municipio desprazouse o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, nunha visita na que aproveitou para destacar que os programas de emprego, incluídos os Obradoiros de Garantía Xuvenil, xa resoltos nestes momentos pola Consellería de Emprego e Igualdade, “permitirán a contratación de 148 desempregados da comarca de Santiago, grazas a un investimento de 2,4 millóns de euros, para prestar servizos aos concellos”.

Trenor lembrou que nestes momentos o Goberno galego xa resolveu os programas de emprego para a contratación de socorristas, de persoas perceptoras de Risga e Aprol Rural para a prevención de incendios forestais.

Asimesmo, recalcou que nestes momentos están tamén resoltos os obradoiros de garantía xuvenil cos que a Xunta apoiará na comarca compostelá un obradoiro en Santiago de Compostela con dúas especialidades: unha en desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e outra de desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos. A Mancomunidade de Ordes tamén contará cunha axuda para programar un taller de fábricas de albanelería e de traballos de carpintería e moble; o Concello de Teo centrará o seu obradoiro en programación con linguaxes orientadas a obxectos e bases de datos relacionais. E, finalmente, o Concello de Rois programará un taller de confección e publicación de páxinas web.

En total formarase a 63 alumnos e alumnas, cun investimento de máis de 1,4 millóns de euros. Segundo fontes da Xunta, ditos obradoiros arrancarán o día 12 de agosto.

Nas vindeiras semanas está previsto que se resolvan os talleres ordinarios que tamén suporán un importante impulso para a creación de traballo nos municipios desta zona de influencia.

Este tipo de iniciativas enmárcanse na prioridade da Xunta de crear máis e mellor emprego de calidade na Comunidade e completan outras iniciativas que xa se activaron e que favorecen a contratación nos municipios galegos, como as axudas para a contratación de orientadores laborais, ás que se destinan 6,8 millóns de euros para a contratación de 280 persoas, ou os Programas Integrados de Emprego, que xa están convocados, cun orzamento de 10 millóns para apoiar a contratación de 4.000 persoas en concellos e entidades sen ánimo de lucro.

A partir dos obradoiros de emprego, a Administración autonómica segue a loitar por insertar no mercado laboral aos desempregados galegos.