Ten carácter indefinido e supón a preservación deste bosque mixto de 4,52 ha que alberga os mellores castiñeiros centenarios de Europa // Nel fíxanse unha decena de obxectivos e 21 medidas, entre elas unha senda peonil desde Lalín TEXTO Sol Elvira

Luz verde definitiva ao plan para a conservación da Fraga de Catasós

Patrimonio natural
Sol Elvira
A Fraga de Catasós, no municipio pontevedrés de Lalín, é o terceiro monumento natural de Galicia que conta cun plan de conservación. Foto: X. G.

O Consello da Xunta aprobou definitivamente o plan de conservación do monumento natural Fraga de Catasós, no concello de Lalín, un bosque mixto singular cunha superficie de 4,52 hectáreas e que alberga exemplares de castiñeiro centenarios considerados como os mellores de Europa polo seu porte forestal e factura. Cunha vixencia indefinida, o plan ten como fin protexer esta formación boscosa a través da identificación dos valores a preservar e dos posibles riscos que poidan afectalos, así como dunha serie de normas de aproveitamento do solo e dos recursos naturais e doutras relativas ao uso público e ás actividades científico-educativas.

No documento fíxanse unha decena de obxectivos para a preservación e xestión sustentable deste espazo e 21 medidas coas que garantir a súa consecución, que contarán cun investimento por parte da Xunta de máis de 250.000 euros durante a próxima década. Grazas ás actuacións previstas polo Executivo galego mellorarase o estado da fraga e garantirase unha xestión máis eficiente dos recursos públicos.

Segundo o foco principal de interese, as metas que se perseguen con este plan divídense en catro grupos: obxectivos relacionados coa conservación da formación senlleira, da biodiversidade e da paisaxe, aos que se reservará a partida máis cuantiosa, de 151.500 euros; obxectivos de usos e aproveitamentos, cun investimento de 25.000 euros; obxectivos relacionados co uso público do espazo natural (52.000 euros); e obxectivos no eido da investigación, educación e participación cidadá, cunha partida prevista de 22.000 euros.

En canto á protección do bosque mixto de carballo e castiñeiro e da súa biodiversidade, prevese, entre outras accións, a creación dun rexistro das árbores senlleiras; a elaboración dun inventario coas principais especies de flora e fauna; a restauración das áreas que perderan a vexetación orixinal; e a monitorización do espazo para a detección temperá de especies alóxenas (sobre todo as invasoras) e a súa erradicación.

Con relación ao uso público, avaliaranse as alternativas para facilitar o acceso ao espazo natural e o seu aproveitamento ordenado con medidas como a execución dunha pista peonil e accesible desde o núcleo urbano de Lalín. Ademais, tamén se contemplan no plan a actualización da sinalización existente e a creación dun aparcadoiro. Así mesmo, para potenciar a actividade científica e divulgativa na Fraga de Catasós, identificaranse proxectos e liñas de investigación de interese, farase un estudo sobre os valores patrimoniais culturais e promoveranse diversas actividades de educación ambiental e de voluntariado.

A Fraga de Catasós, tamén coñecida como Carballeira de Quiroga, está localizada na parroquia lalinense de Santiago de Catasós e foi declarada monumento natural en 2000 por albergar un importante bosque mixto con excepcionais exemplares de carballo e castiñeiro, algúns dos cales acadan os 30 metros de altura e os 5 metros de diámetro. Esta formación boscosa está incluída tamén no Catálogo de Árbores Senlleiras en recoñecemento á súa singularidade en Galicia, pero tamén en Europa, xa que a FAO considera que alberga os exemplares de castiñeiro con mellor porte do continente.