Servizos. A Deputación financiará 200.000 horas de atención nos municipios de Costa da Morte, Bergantiños, Barbanza e a contorna de Compostela // Recibirán 4,3 dos oito millóns de euros que investirá o ente provincial TEXTO Manuel Lavandeira

Máis de cen profesionais para prestar axuda no fogar en Área

Servizos Sociais
Manuel Lavandeira
Traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar no Concello de Fisterra durante unha visita do presidente provincial á localidade. Foto: Deputación Coruña

A Deputación da Coruña adicará 8,3 millóns de euros para financiar a contratación de 177 profesionais do ámbito social e un total de 386.823 horas de servizo de axuda no fogar nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia, das cales 200.000 corresponderán a usuarios e usuarios de concellos do ámbito de Área de Compostela.

Nos municipios das comarcas de Bergatiños e Costa da Morte, a Deputación financiará este ano, cun investimento de preto de 1,7 millóns de euros, a contratación de 35 profesionais e un total de 79.802 horas de de axuda no fogar, “un servizo imprescidible para a atención de maiores e dependentes, especialmente nos concellos rurais, que ademais dá emprego a máis dun centenar de persoas na provincia”, segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Nestas comarcas, A Laracha (239,000 €), Malpica de Bergantiños (193.552 €) e Vimianzo (178.000 €) son os concellos que recibirán unha maior aportación e os que máis horas de servizo prestarán co apoio da Deputación coruñesa.

Pola súa banda, en Barbanza o investimento será de 1.035.679 euros e neste caso contrataranse 21 profesionais e cubriranse un total de 50.873 horas de servizo. Rianxo (150.600 €) e Boiro (124.000 €) son os dous concellos que recibirán as maiores aportacións económicas, seguidos de Noia (114.965 €), Mazaricos (112.000 €), Porto do Son (100.280 €), Carnota (99.472 €), Lousame (77.000 €), Muros (74.476 €) e A Pobra do Caramiñal (70.886 €).

Na comarca de Santiago a administración provincial investirá máis de 1,8 millóns de euros e contrataranse 45 profesionais para dar unha cobertura de 82.509 horas. Os concellos cun maior investimento serán Padrón (146.268 €), Melide (131.716 €), Rois (129.560 €), Oroso (118.000 €), Teo (114.160 €) e Negreira (112.300 euros).

MÁIS HORAS. “Seguimos a cumprir co noso compromiso de reforzar todos os programas de protección social, tanto os da Deputación como os que dan apoio aos municipios da provincia”, afirmou o presidente do ente provincial, quen destacou que “a Deputación financia hoxe na provincia 100.000 horas máis de servizo de axuda no fogar que hai dous anos”.

Formoso subliñou o gran esforzo que teñen que facer os pequenos municipios para poder contar cunha plantilla de profesionais especialistas no eido social. “Por este motivo seguimos incrementando a dotación económica deste programa, un dos piares da Área Social da Deputación, permitindo que os concellos poidan contratar máis persoal administrativo, técnico e de axuda a domicilio”, incidiu.

carga de TRABALLO. “Os profesionais que a Deputación axuda a contratar son os que buscan solucións aos problemas diarios das persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difícís, os que atenden nas casas aos maiores e dependentes”, explicou González Formoso, que destacou que moitos municipios viron incrementada a carga de traballo do seus servizos sociais nos últimos dous anos debido á pandemia e á situación socioeconómica actual.