Verán. Este mércores rematan as actividades organizadas pola Xunta // Ademais de fomentar a convivencia, permitiron aos participantes aprender sobre o medio ambiente, o patrimonio e as novas tecnoloxías, entre outras ramas TEXTO M. Lavandeira

Máis de dez mil nenos e mozos formáronse en campamentos este verán

Actividades de verán
Manuel Lavandeira
A directora de Xuventude, terceira pola dereita en primeira fila, cos mozos do campamento do Couto e directivos da Fundación E. Pondal. Foto: X. G.

Os campamentos da Xunta de Galicia rematan este mércores cunha participación de récord, ao superarse as dez mil oitocentas prazas en actividades de verán como campamentos, campos de voluntariado e os minicampamentos Coñece Galicia en establecementos turísticos.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou este martes o campo de voluntariado. Alí, xaz, que se está a celebrar en Ponteceso e que tamén se enmarca dentro da campaña de verán deste ano. Nel participan mozos e mozas de entre dezaoito e trinta anos que están a realizar actividades de coidado ambiental e cultural.

Este campo de voluntariado tivo como obxectivos fomentar as investigacións e a sinalización de elementos etnográficos da aldea do Couto, a colaboración en actividades do programa cultural Encrucilladas, da Fundación Eduardo Pondal, e a recopilación de elementos orais entre outras actividades. Ademais, os participantes tamén asistiron a obradoiros de instrumentos musicais, desfrutaron de rutas pola Costa da Morte, e visitaron a fervenza do Ézaro e o castelo de Vimianzo. Xogos e veladas complementaron as actividades, ao tempo que colaboraron na organización e gozaron das actividades do Festiletras.

Non foi o único campamento que se desenvolveu en Ponteceso este verán, xa que o municipio acolleu outros dous, segundo indicou o alcalde, Lois García.

Nenas e nenos procedentes de tres provincias galegas viaxaron a Ponteceso atraídos pola robótica e o programa cultural que se desenvolveu no Campamento Infantil e Xuvenil Isidro Parga Pondal. Durante a súa estancia aprenderon as claves da robótica, iniciáronse na programación, na domótica e no Scratch, e mesmo construíron un podómetro.

Xeoloxía, bioloxía, enxeñería, electrónica e robótica deixáronlles tamén tempo para realizar visitas polo patrimonio local, e desfrutar de xogos no municipio pontecesán.

Outro grupo de nenos e nenas participaron nun campamento de creación artística no que aprenderon a desenvolver capacidades creativas relacionadas co ámbito artístico, como música, cine, literatura e pintura. Tamén se desenvolveu na aldea do Couto baixo a dirección de Rafael Quintia Pereira.

O rexedor pontecesán agradece á Consellería de Política social “a posibilidade de desenvolver estes proxectos” no seu municipio.

Na comarca de Bergantiños, o Concello da Laracha acolleu tamén este verán un campo de voluntariado no que se está poñendo en valor o castro de Montesclaros. Doce mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, procedentes de diferentes países e distintas localidades de Galicia e España, participan en traballos arqueolóxicos de delimitación e limpeza do xacemento e a súa contorna.

Unha iniciativa que permite aos participante descubrir diferentes tipos de culturas, costumes e modos de vida, xa que se achegan á cultura castrexa e a forma de vida celtíbera destacando o seu compoñente social. Ademais, os participantes están realizando actividades complementarias de aventura, talleres medio ambientais e de debuxo arqueolóxico, xogos deportivos, sendeirismo e visitas culturais pola zona.

Durante a súa visita ao albergue xuvenil de Bergondo puido coñecer aos participantes dos tres campamentos relacionados co mundo tecnolóxico.