Humanización. Ampliáronse as beirarrúas, correxíronse pendentes e colocáronse pavimentos antiesvarantes // As actuacións centráronse na contorna do campo da feira // Xunta e Concello investiron máis de 130.000 euros TEXTO Manuel Lavandeira

Máis espazo e seguridade para os peóns no centro urbano de Paiosaco

Infraestruturas viarias
Manuel Lavandeira
A conselleira de Medio Ambiente, terceira pola esquerda, co alcalde da Laracha, cuarto, supervisando as actuacións en Paiosaco. Foto: X.G.

A Xunta de Galicia e o Concello da Laracha investiron máis de 130.000 euros na mellora da contorna do campo da feira de Paiosaco. O proxecto, que foi financiado nun 70 % por parte do Goberno galego e nun 30 % polo concello, consistiu na mellora das beirarrúas coa ampliación da anchura, a corrección de pendentes, a adaptación de arquetas e utilización de pavimentos pétreos antiesvarantes.

Tamén se actuou na calzada coa renovación das sinalizacións horizontais e verticais e a substitución da capa de rodadura. A maiores, instalouse novo mobiliario (bancos, xardinería e papeleiras) e actuouse na rede de augas pluviais.

A obra levouse a cabo ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, supervisou este mércores ás actuacións realizadas, na compaña do alcalde da Laracha, José Manuel López, e o tentente de alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, entre outros representantes locais.

Vázquez indicou que dende a posta en marcha do plan Hurbe mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 400 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.

De feito, só na provincia da Coruña foron comprometidas ou executadas desde entón ao abeiro deste programa un total de 96 actuacións, incluída a que se acometou no concello da Laracha. Cómpre lembrar que este municipio xa levou a cabo a mellora da accesibilidade nas beirarrúas de varias rúas da localidade ao abeiro desta orde de axudas no ano 2017. En total, segundo lembrou a conselleira Ángeles Vázquez, no muncipio larachés invertíronse nos últimos anos máis de 283.000 euros, “e iso supón un invertimento de preto de 25 euros por habitante”.

A Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando ás entidades locais galegas na execución deste tipo de obras, un 23 % máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

Por outra banda, o Concello da Laracha ten en marcha un proxecto de mellora da rede viaria que afecta a varios puntos da parroquia de Soandres. En todas as intervencións inclúese a renovación da capa de rodadura e o incremento da seguridade viaria coa correspondente sinalización horizontal e vertical.

Ademais, en determinados puntos da rede viaria tamén se acometen outras intervencións complementarias relacionadas co acondicionamento de sobreanchos e a mellora das cunetas e da rede de recollida de pluviais segundo as necesidades que presentan cada un dos tramos afectados.

As obras previstas xa están concluídas en estradas dos núcleos de Boimir, O Priorato e A Abelleira. Outros puntos de intervención nos que están a punto de rematar os traballos son Condesuso, Condes, As Táboas e A Ponte da Veiga. O investimento total sitúase en torno aos 120.000 €, segundo fontes locais.