Mar de Santiago presentará en Fitur a súa estratexia turística para 2023

O xeodestino, do que forman parte Valga, Catoira e Cesures, prepara accións co obxectivo de reforzar o posicionamento da marca nivel nacional e internacional
Turismo
Sol Elvira
Grupo de excursionistas que fan a Ruta fluvial da Traslatio embarcando no pantalán de Valga Foto: Mar de Santiago

A marca Mar de Santiago presentará a vindeira semana en Madrid, no marco da Feira Internacional de Turismo (Fitur), as liñas estratéxicas coas que traballará durante este ano para continuar posicionando, tanto nacional coma internacionalmente, este Xeodestino Turístico do que forman parte os municipios de Vilanova, Catoira, Valga e tamén Pontecesures.

Segundo informa o Concello de Valga, será o venres, día 20, no stand de Galicia en Fitur cando teña lugar o acto de presentación da estratexía da marca, que se centrará en promocionar os recursos culturais, históricos, paisaxísticos e gastronómicos dos territorios que forman parte da marca, e sempre tendo como eixo principal a Traslatio, a Ruta marítimo-fluvial pola que chegaron, no século I, os restos do Apóstolo Santiago dende Jaffa, dando orixe ao fito Xacobeo e ao fenómeno das peregrinacións.

Asimesmo, segundo detallan, os integrantes da delegación de Mar de Santiago participará en Fitur en varias xuntanzas de traballo con turoperadores e representantes de empresas e entidades vencelladas ao sector, co obxectivo de seguir reforzando o posicionamento da marca no mercado turístico

Sinalar que dende a súa constitución, en 2021, Mar de Santiago ten conseguido crear e consolidar un produto turístico sólido e diferenciado ofrecendo aos peregrinos a posibilidade de continuar a experiencia Xacobea navegando á orixe das peregrinacións e vivindo a experiencia única da Traslatio.

VISITAS. Dende a posta en marcha deste proxecto, a estación marítima de Mar de Santiago ten rexistrado preto de 13.000 visitas, según o dato facilitado por Valda. Asemade, a marca tense presentado a máis de 100 turoperadores e creáronse e comercializáronse máis de vinte paquetes turísticos.

Deste xeito indican que froito do traballo realizado, cristalizou o pasado ano coa posta en marcha da excursión Mar de Santiago, con saída todos os xoves dese verán.

Finalmente, os promotores do xeodestino avanzan que de cara á vindeira campaña, xa se está a traballar en novas accións turísticas e culturais que serán desveladas na presentación en Fitur co obxectivo de seguir atraendo visitantes, e amantes do Camiño xacobeo, aos concellos de Mar de Santiago.