Realizou varias obras co alumnado do colexio Heroínas de Sálvora // Unha clase leva xa o seu nome // O día 15 fará un mural cos cativos no adro da igrexa

Masterclass nas aulas de Aguiño co artista Ayaso

Arte
Suso Souto
CHARLAS. Os alumnos escoitaron as historias que Ayaso lles contou sobre a súa traxectoria. Fotos: ACFLM

O CEIP Heroínas de Sálvora de Aguiño (Ribeira) recibiu este mércores a visita do pintor e gravador Manuel Ayaso, quen participou cos escolares nunha interesante xornada artística no marco do proxecto Ruralité e organizada pola asociación cultural Francisco Lorenzo Mariño, o propio colexio e a concellería de Cultura.

A actividade tivo lugar na biblioteca do centro, onde Ayaso pintou para cada un dos grupos (un de Infantil e dous de Primaria) un debuxo nunha táboa que previamente tiñan preparada os alumnos con cunchas, cortezas e madeiras decoradas. O artista debuxou unha nena; un ser mitolóxico con cabeza de paxaro e unha muller encima mariscando cun aparello; e un bispo, unha vella rezando e un autorretrato.

Ayaso tamén contou cousas da súa vida, respondeu ás preguntas dos alumnos (que xa se documentaran sobre a súa traxectoria e coñecían a súa biografía) e dedicou uns catálogos e libros sobre el que o Concello lle entregou á biblioteca.

Tras ser agasallado co cartaz do proxecto enmarcado, inaugurou unha das aulas que dende agora leva o seu nome, acompañado da profesora Sara Reiriz e de Unai González (directivo da citada asociación).

Cada espazo do colexio está dedicado a un persoeiro do eido literario, como Luz Pozo Garza, Rosalía de Castro, Castelao, Manuel Lustres Rivas ou Francisco Lorenzo Mariño.

O vindeiro mércores día 15, ás 11.00 horas no adro da igrexa de Aguiño, se o tempo o permite, realizarase un mural urbano cunha das obras feitas por Ayaso para o colexio. Trátase dun polbeiro faenando no Carreiro, en Aguiño. Ayaso pintará o trazo para despois ser coloreado polos alumnos do centro educativo.