CABANA. Presentará o día 3 ‘Na lingua que eu falo’, a súa segunda obra, con cen poemas // O seu neto Eloy Mato, un recoñecido acordeonista, salvou do lume parte dos versos que escribiu dende nena // “Dunha palabra xa o saco todo”, afirma TEXTO José M.Ramos

Matilde Vilariño, unha creadora que naceu poeta e desfruta coa pintura

Cultura
José M. Ramos
Matilde Vilariño dando os últimos retoques no seu estudo ao cadro dedicado ao seu neto Eloy Mato. Foto: J. M.

Moi preto do dolmen de Dombate, loado por Eduardo Pondal, naceu e reside dende hai 78 anos outra poeta, Matilde Vilariño, unha creadora autodidacta que goza tamén da pintura e do teatro. Escribiu os seus primeiros versos sendo aínda unha nena e, dende entón, nunca deixou de facelo. Mais a súa obra permaneceu oculta ata o ano 2010 e outra parte perdeuse no lume da lareira.

Foi o seu neto Eloy Mato, cando aínda era un neno, (hoxe é un recoñecido e premiado acordeonista), quen descubriu a faceta creadora da súa avoa e quen a convenceu, co apoio do seu irmán, de que non seguise queimando versos. Así o fixo e, despois de dixitalizar a súa obra, esta acabou vendo a luz no seu primeiro libro, titulado Poemas que non foron ao lume, que foi presentado en 2018. Agora, catro anos despois, Matilde presentará o vindeiro día 3 de decembro, ás 17.00 horas no auditorio de Cabana, Na lingua que eu falo, unha obra que recolle cen poemas de temáticas moi variadas, editada polo Concello cabanés co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Matilde habilitou no baixo da súa casa un pequeno estudo no que se refuxia polas tardes para ler, escribir e tamén pintar, outra das súas paixóns, xunto co teatro. Le “de todo, e cando empezo un libro non o deixo ata que o remato”, afirma. Con só 3 anos xa era quen de recitar de memoria poemas de García Lorca.

Dende entón a poesía é parte da súa vida, aínda que esta paixón a mantivese na intimidade durante moitos anos porque seus pais non querían que escribira e, por iso, para que non a descubrisen, acababa botando ao lume os seus poemas. Eran tempos nos que se priorizaba máis que os nenos e nenas se dedicasen a guiar as vacas e ás labores agrícolas e domésticas.

Aínda que se viu obrigada a deixar a escola con só 11 anos, Matilde mantivo viva a chama da creación poética. “Dunha palabra xa saco unha poesía, e dende que escribo a primeira estrofa, de seguido xa xurde o resto”, afirma. Sinte ter queimado moitos dos seus versos, pero agora ten claro que non deixará de escribir “mentres a cabeza me dé vida”.

Neste novo poemario que verá a luz o vindeiro día 3, Matilde Vilariño emprega os versos para lembrar as crises, a historia do dolmen de Dombate, a Galicia sempre verde, experiencias e viaxes, ao home da súa vida, a outros escritores e poetas, a músicos como Kepa Junquera, á súa panadeira, ó cura de Canduas e Borneiro e mesmo ó alcalde. Asemade, compuxo poemas dedicados a épocas do ano, como a primavera, e ó mes de marzo, no que ela naceu, e mesmo creou uns versos para expresar como lle gustaría morrer.

Son cen poemas e cen temas diferentes, froito dunha creatividade sen fronteiras que, dende que a fixo aflorar, agora lévaa alí onde a convidan. Así o fixo o pasado venres nos actos conmemorativos do 25-N en Cabana, no que compartiu protagonismo con outras poetas e músicos.

Tamén participa cada ano nos encontros de talentos que organizan no Balneario de Cuntis, do cal é usuaria dende hai varios anos.

Unha arte, a da poesía, que dun tempo a esta parte conxuga coa da pintura e tamén coa interpretación teatral, xa que forma parte do grupo da Fundación Eduardo Pondal, unha entidade “que cambiou moito a miña vida dende que a descubrín”, afirma. Ao igual que os versos, as obras pictóricas de Matilde abranguen moitas temáticas, dende a paisaxe, os animais e os recunchos da súa contorna, ata os retratos.

Unha das súas últimas obras é precisamente un retrato moi especial, xa que o protagonista é o seu neto Eloy, ó que pintou tocando o seu novo acordeón na cociña da súa casa. El foi quen salvou do lume e quen fixo posible que a súa obra poética vise a luz, e agora Matilde, en certa medida, correspóndelle inmortalizando a súa arte musical co seu pincel. Como xa fixera cando descubriu os seus poemas, Eloy non dubidou en darlle os parabéns á súa avoa por esta emotiva obra pictórica.

Unha suma de talentos á que só hai que desexarlle longa vida.