FONDOS. Once concellos das dúas comarcas repártense este ano 10,8 millóns do Plan Único // Ós 3,6 millóns destinados ás actuacións súmase case un millón para gasto social // Muros recibe máis de 412.000 € para mellorar viais TEXTO Suso Souto

Millonario apoio provincial a 42 obras en Barbanza e Noia-Muros

Plan Único
Suso Souto
POLIDEPORTIVOS. Fachada do polideportivo municipal de Rianxo, cuxa cuberta será renovada. Foto: C.R.

O Plan Único (POS+2022) da Deputación Provincial da Coruña alcanzará este ano os 10.897.857 euros investidos nos concellos das comarcas do Barbanza e de Muros-Noia, dos que 3,6 millóns de euros xa teñen como destino o financiamento dun total de corenta e dúas obras (uns números que se irán incrementando ao longo do ano cos fondos adicionais do plan) e preto dun millón de euros destínase a financiar gastos sociais nos municipios, para protexer aos colectivos máis vulnerables.

En total, a Ribeira correspóndenlle 1.868.656 €; a Boiro 1.325.840 €; a Mazaricos 1.241.682 €; a Noia 926.654 €; a Muros 920.403 €; a Porto do Son 910.700 €; a Outes 890.300 €; a Rianxo 812.365 €; a Lousame 715.727 €; á Pobra 658.097 €, e a Carnota 627.521 €.

O Plan Único achega nesta ocasión 884.587 € aos once concellos das dúas comarcas para gastos sociais. As contías repartidas para tal fin nos diferentes municipios oscilan entre os 51.875 € de Carnota e os 133.761 € de Ribeira. Boiro recibe 111.083 €; Lousame 57.719 €; Mazaricos 97.002 €; Muros 70.422 €; Noia 76.658 €; Outes 73.319 €; A Pobra do Caramiñal 57.586 €; Porto do Son 82.214 €, e Rianxo 72.942 €.

Reforzo do persoal adscrito aos departamentos de Servizos Sociais e á axuda no fogar, creación de axudas para a cobertura de necesidades básicas como vivenda, alimentación, gastos médicos e farmacéuticos ou escolarización dos colectivos máis vulnerables son algunhas das cuestións ás que os concellos están a destinar estes fondos.

Dentro do plan, todos os concellos das comarcas de Barbanza e Muros-Noia executarán un total de corenta e dúas obras de humanización de rúas e espazos públicos, melloras nas redes de iluminación e saneamento, renovación de estradas, actuacións en instalacións municipais ou accións para incrementar a seguridade peonil, entre outras.

Polo que respecta ó Barbanza, entre os investimentos que se financian no concello de Ribeira (que recibe 903.569 €) destacan a ampliación das pistas deportivas de Samil-Corrubedo (116.339 €), a renovación do parque de A Capela (179.566 €) e a construción dun novo parque infantil en Artes (114.838 €).

No municipio de Boiro (que recibe 524.453 €) inclúense a mellora de beirarrúas en Pedra da Bouza (182.164 €) e a urbanización das rúas Tenencia e Pesqueira (100.546 €). En Rianxo (que recibe 264.792 €) inclúese a renovación da cuberta do polideportivo Rosalía de Castro (171.432 €). A Pobra ten para investimentos 78.123 €.

Pola súa banda, xa no tocante á comarca de Muros-Noia, en Outes (que obtén 377.061 € para investimentos) fináncianse a humanización da rúa Esperante (167.575 €) e a mellora do pavillón polideportivo da Serra de Outes (62.352 €).

En Noia (171.020 €) destacan a renovación de pavimentos na rúa da Igrexa, Santa Cristina de Barro, Carracido, Pereiro de Arriba, Obre e outros núcleos rurais (171.020 €), e en Porto do Son, a humanización do calexón Outonil e a construción de beirarrúas en Eiravedra, O Pozo, Coira e Freixedo (335.195 €).

CAMIÑOS ES ESTRADAS. Finalmente, entre os concellos que apostan por mellorar camiños e estradas municipais con cargo a esta liña anual de axudas da institución provincial coruñesa figuran os de Muros (412.353 euros), Lousame (146.782 euros), Carnota (173.969 euros) e Mazaricos (285.512 euros).

delegribeira@elcorreogallego.es