XORNADA. Ribeira acolleu un foro no que expertos chequearon os obxectivos e as oportunidades do sector // Rosa Quintana amosou o rexeitamento á pretensión de Bruxelas de vetar as capturas de fondo en 87 áreas comunitarias TEXTO Suso Souto

Modernización da flota e relevo xeracional, retos da pesca galega

Pesca
Suso Souto
clausura. Rosa Quintana, na mesa en primeiro termo, e María José Casais, ó seu carón, na clausura das Xornadas da Pesca de Ribeira. Foto: Xunta

A situación do novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA) e a nova Lei de Pesca foron dous dos principais piares das I Xornadas de Pesca de Ribeira celebradas este venres na Escola Náutico-Pesqueira da localidade e organizadas pola Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía. Un foro no que distintos expertos e representantes institucionais abordaron aspectos como os retos e oportunidades de dito fondo, a lei estatal de pesca sostible, a certificación das pesqueiras sustentables ou a estratexia europea de biodiversidade.

A subdirectora xeral de Sustentabilidade Económica e Asuntos Sociais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Silvia Solís, dixo que o obxectivo do Goberno central é aprobar o novo FEMPA antes de final de ano. Este fondo (que terá un investimento de 1.120 millóns) céntrase en catro prioridades: medio mariño, acuicultura, desenvolvemento local e gobernanza.

Héctor Villa, subdirector xeral de Caladoiro Nacional e Augas da UE do Ministerio, sinalou que a nova Lei de Pesca non é unha renovación total da de 2001, senón que “busca mellorar os aspectos da anterior e o ben común do sector”. A nova lei xa se aprobou no Consello de Ministros e agora iníciase a súa negociación no Congreso dos Deputados.

Antonio Basanta, director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta, sinalou que “a lexislación comunitaria ten que ter consenso social” e que “a Estratexia de Biodiversidade 2030 non ten en conta moitas variables, o que trae consigo unha distorsión no sector”. “As medidas deben ser aplicables e asumibles”, engadiu.

Alberto Martín Aristín, responsable senior de pesqueiras MSC España/Portugal, dixo que o principal obxectivo desta ONG é certificar pesca sostible das pesqueiras na actualidade baixo os principios de sustentabilidade do sector, os impactos
no ecosistema e a xestión efectiva.

As xornadas foron clausuradas pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen subliñou que “o sector marítimo-pesqueiro aposta pola sustentabilidade na explotación dos recursos e é unha actividade fundamental, pois ofrece á sociedade alimentos da máxima calidade cunha baixa pegada de carbono e hídrica, como acreditan etiquetas como Pescaenverde”. Respecto á revisión da Política Pesqueira Común, a conselleira defendeu a importancia de que dea resposta ás necesidades do sector, facilitando o seu labor. Nesta liña, pediu “que todas as decisións de calado conten con informes serios e rigorosos que os avalen, para evitar situacións como a pretensión de Bruxelas de vetar a pesca de fondo en determinadas áreas de augas comunitarias” (en 87 áreas). “Galicia rexeita esta medida, que carece de estudos científicos que xustifiquen a súa aplicación. Causaría un importante prexuízo incluso a artes tan selectivas como o palangre”, engadiu.

Tamén puxo de relevo a transcendencia de que o sector poida acceder de xeito fácil ao FEMPA e dea resposta ás necesidades máis urxentes da frota. Entre eles, Quintana destacou a renovación dos barcos (tanto para mellorar a habitabilidade como para que sexan máis selectivos e respectuosos co medio ambiente) pois contribuirá a impulsar a renovación xeracional no sector”.