CARBALLO. Dende pequeno considérase unha persoa creativa // Varios murais do proxecto Derrubando Muros con Pintura da capital de Bergantiños levan a súa sinatura // No ano 2014 decidiu abrir a o estudo de arte Garabato TEXTO Lorena Rey

Mon Lendoiro, de vocación tardía polas artes a creador dunha galería

Arte
Lorena Rey
‘De camiño vou’, un dos murais que o artista carballés aportou ao proxecto Derrubando Muros con Pintura. Foto: Mon Lendoiro

Esforzo, innovación e constancia definen o traballo do artista carballés Mon Lendoiro. Formado como Técnico Superior en Artes Plásticas, Deseño Gráfico e Ilustración, e Gráfica Publicitaria, desenvolve dende hai moitos anos a súa actividade artística como ilustrador, pintor, deseñador gráfico e fotógrafo. No 2014 decidiu emprender unha nova aventura profesional abrindo a galería de arte Garabato na capital bergantiñá.

A súa paixón polo mundo das artes non é recente: “Dende pequeno xa me gustaba e sempre fun unha persoa moi creativa, o que pasa é que fun de vocación tardía. Era innato en min debuxar e estar sempre facendo cousas coas mans”, relata. Nun intre da súa vida comezou a ter información sobre as escolas de arte, e tras cursar estudos relacionados, douse conta de que se lle abrira un mundo descoñecido. “Sabía que me gustaba isto pero non sabía como orientarme”, aporta.

Tras seis anos de formación pasou por uns meses nos que non sabía para onde tirar. Por casualidades da vida, xurdiu en Carballo un obradoiro de fotografía dixital para o cal lle solicitaron que fora el a persoa que o impartira. “Tiña un total de 30 alumnos adultos, divididos en dous grupos. Estaba tan nervioso que comecei a falar sen parar e deime conta que fora como unha esponxa e que absorbera perfectamente toda a información que me deran durante os ciclos”, afirma. A partir de aí comezou a dar obradoiros e clases persoais. Ao pasar varios anos comezou a traballar nunha academia na cal se impartía teatro, debuxo, pintura e se realizaban eventos culturais. Aos seis anos houbo un problema económico acompañado dunha gran baixada de alumnos. Tal e como estaba a situación, Mon Lendoiro percibiu que era o momento de arriscarse montando a súa propia galería de arte. “A verdade é que ía con moito medo pero a miña parte artística gañou peso xa que a xente comezaba a facerme diversos encargos”, conta.

Nun primeiro momento non sabía cómo orientar Garabato. Pouco a pouco foi percatándose de que os obradoiros eran os que tiñan maior éxito. “A parte de galería é máis difícil porque considero que en Carballo a xente non está acostumada a invertir en arte”, pensa. O boom chegou cos encargos pesoais e personalizados. Para maio ten catro encargos: un para o día da nai, dous aniversarios e unha boda. “Pásanme fotos e información da persoa e a partir de aí creo”, di.

MURAIS. Mon Lendoiro tamén é recoñecido polos grandes murais que pintou dentro da iniciativa Derrubando muros con pintura, na que participaron diversos artistas locais convertendo a vila carballesa nun referente na arte urbana contemporánea. “Era a miña primeira experiencia persoal de facer un muro. Pasas dun formato pequeno de levar na man a de repente ter unha parede de 30x40 metros”, manifesta. Con este proxecto pretendíase derrubar boa parte do feísmo das ruás con novos espazos de cor e formas. El estivo pintando ao lado da biblioteca Rego da Balsa. Co nome de De camiño vou, Mon representou unha escena cotiá onde predominan os animais, a natureza e a paisaxe. “A temática era libre pero o debuxo tíñase que adaptar ao entorno”, engade.

O seu interese pola arte e por dar a coñecer os traballos doutros artistas locais viuse reflexado no colectivo CreaFormas que creou e presidiu durante seis anos. “Naceu como unha necesidade de facer proxectos de forma conxunta. Houbo unha etapa moi productiva, pero no 2016 decidín desvincularme por unha serie de motivos. Posteriormente xurdiu “Pegadas Artísticas”, con dez persoas das que formaron parte de CreaFormas, incluído por suposto ao protagonista destas liñas, Mon Lendoiro.