Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
LORENA REY LANDEIRA / Periodista / Galicia

Vocación de xornalista dende os catorce anos

Dende os catorce anos roldaba pola miña mente a idea de estudar a carreira de Xornalismo. Ese soño fíxose realidade grazas a moito esforzo e dedicación. Debo dicir que persoas do meu arredor me teñen dito que optara por outra formación. “Non estudes Xornalismo que non ten saída”, palabras textuais que chegaron aos meus oídos durante moito tempo. Sen embargo seguín adiante co meu propósito sen facer caso de comentarios similares e pensando só en poder algún día exercer a profesión.

Finalizado o terceiro ano da carreira tiven a oportunidade de formar parte de EL CORREO GALLEGO, concretamente na sección local do xornal. Recordo que os primeiros días estaba un tanto perdida sobre todo por descoñecer o sistema utilizado para a redacción das noticias, pero co paso das xornadas e, en parte, grazas ao apoio dos compañeiros funme familiarizando e aportando cousiñas á sección. Este pequeno período (o mes de agosto de 2018) foi a primeira toma de contacto co xornal.

Os días, as semanas e os meses foron pasando ata que a mediados de febreiro deste ano contactaron conmigo dende o xornal para ofrecerme un posto temporal como redactora na sección de Galicia. A misión sería a de cubrir as eleccións galegas. Non dubidei en aceptar xa que sería unha oportunidade máis para adentrarse no mundo do Xornalismo. Así volvín a formar parte da redacción o xoves 5 de marzo. Dun día para outro chega a pandemia e todo da un xiro. Deixo de lado entrevistas a políticos retirados que estaba preparando para publicar nas próximas semanas e paso a redactar sobre o coronavirus. As primeiras semanas foron complicadas con moitas cuestións que contar ao respecto do momento que estabamos a vivir. Cada día atopábame con datos e informacións moi negativas, pero había que seguir adiante.

Pensando nun futuro próximo descoñezo cal vai ser a miña situación laboral e como estará a actividade xornalística. En calquera caso desexo seguir formándome nesta profesión tan complexa e á vez fermosa e única. Oxalá dentro duns 20 anos poida aportar unha testemuña máis detallada coas mellores vivencias como xornalista. Isto continúa.

16 jun 2020 / 00:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito