Nova promoción de chefs na escola hostaleira de Ribeira

Quince mozos e mozas remataron un ano de intensa formación competindo entre si con receitas propias nun animado certame
Hostelería
Suso Souto
CLAUSURA. O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, no centro, co resto de autoridades e o alumnado do obradoiro de cociña O Pote II, tras o acto de clausura do curso. Foto: C. de R.

Logo dun ano de duración (tres máis dos previstos, por mor da pandemia) quince mozos e mozas concluíron a súa formación no obradoiro de emprego de cociña O Pote II, que tivo lugar na Escola de Hostalería de Ribeira.

O acto estivo presidido polo alcalde, Manuel Ruiz, e contou ca asistencia da xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, Judit Fontenla; a directora da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo, Rosanna López; o tenente de alcalde, Emilio Pérez; e o concelleiro de Promoción Económica, Ramón Doval.

Tras a entrega dos diplomas, o rexedor felicitou aos alumnos pola súa implicación e animounos “a mergullarse nun sector que demanda un perfil cada vez máis profesionalizado”.

Previamente, os pasados días 3, 8 e 12 de novembro, o alumnado participou no concurso culinario denominado PoteChefs, co obxetivo de poñer en práctica os coñecementos adquiridos nas especialidades de cociña e pastelería, favorecer a creatividade dos xóvenes talentos e de fomentar a motivación.

Os alumnos e as alumnas competiron entre eles co fin de que creasen e presentasen unha receita de autoría propia, no que cada un dos menús tivese en común un ingrediente principal que fose o protagonista do prato: un primeiro a base de espárragos trigueiros, un segundo de coello e un postre (biscoito).

NUTRICIÓN. Asimesmo, recentemente participaron nunha actividade conxunta con estudantes do segundo curso do Ciclo Superior de Nutrición e Dietética do IES da Pobra do Caramiñal, quenes fixeron unha presentación cos conceptos básicos da nutrición que debe ter en conta á hora de programar os menús o persoal de cociña atendendo ás necesidades dos usuarios. A continuación, participaron cos alumnos e alumnas da Escola de Hostalería de Ribeira na elaboración conxunta dun menú saudable atendendo ás particularidades dos usuarios dos menús solidarios que no mencionado programa de emprego O Pote II se viñeron preparando diariamente.

comarcas@elcorreogallego.es