Patrimonio. Crearase un itinerario para que os visitantes coñezan o uso das súas estancias ao longo do tempo // Actualizarán todos os espazos con animacións en 3D, narracións sobre os labores tradicionais e contos populares TEXTO José M. Ramos

Novos contidos para revivir os cinco séculos das Torres do Allo

Patrimonio
Jose Manuel Ramos
As Torres do Allo están consideradas como o primeiro dos pazos construídos en Galicia . Foto: J. M.

Crear espazos expositivos que interactúen coas persoas visitantes para convertelas en espectadores activos e, ao mesmo tempo, amosar as posibilidades do pazo máis antigo de Galiza como atractivo turístico é o obxectivo da remusealización das Torres do Allo (Zas) que impulsa a Deputación da Coruña.

Deste xeito, as áreas de Patrimonio e de Turismo, xestionadas polo deputado Xosé Lois Penas e polo vicepresidente Xosé Regueira respectivamente, avanzan na actualización tanto de contidos como de espazos de tres enclaves patrimonias fundamentais da Costa da Morte, isto é, nas remusealizacións do Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate en Cabana de Bergantiños, o Ecomuseo Forno do Forte en Buño, e as Torres do Allo en Zas.

O novo proxecto expositivo, que sae a licitación cun orzamento de 60.000 euros, ten previsto crear un itinerario no que todos os recursos expositivos estean relacionados entre si e permitan que as persoas visitantes coñezan en todo momento o uso que tiveron as diferentes estancias ao longo dos séculos e ubicar no percorrido os espazos visitables.

En total son 15 os espazos que serán obxecto de reformulación e, entre outros recursos, incluiranse animacións en 3D sobre a construción do pazo, narracións sobre os labores tradicionais que se desenvolvían en estancias como a bodega ou os fornos, audios con contos populares ou ficcións ambientadas nas Torres do Allo, e espazos específicos para xogos educativos e tamén para exposicións temporais.

Convén lembrar que as Torres do Allo, xunto cos terreos colindantes, foron adquiridas pola Deputación da Coruña en 1998 e en 1999 foron declaradas como monumento Ben de Interese Cultural. A súa rehabilitación fora acometida polo arquitecto Iago Seara, recuperando o interior do pazo, que estaba completamente destruído, a fachada e torres que sufriran importantes danos, así como os hórreos e distintas construcións anexas. Unha vez rehabilitadas as edificacións, a musealización, que fora levada a cabo no 2005, correra a cargo de Joan Santacana.

O conxunto arquitectónico das Torres do Allo está considerado como o primeiro dos pazos galegos. A súa construción remóntase máis de cinco séculos atrás. Era máis ca un edificio, pois constituía en si mesmo unha organización social que articulaba toda a comunidade. Perfectamente integrado no espazo rural, o pazo adoitaba ter asociados foros e coutos que traballaban os labregos sobre os que a fidalgía posuía dereitos tributarios e xurisdiccionais.

Segundo relata o espazo adicado a este pazo zaense (torresdoallo.gal), antes de existir as Torres do Allo houbo moi preto de alí un gran castelo, que os Reis Católicos ordearon derrubar por ver ameazada a súa autoridade polas grandes casas da nobleza galega. Non obstante, os condes de Altamira, que se trasladaron a Madrid, deixaron aquí a súa filla Berenguela como Dona do Allo para continuar gobernando a comarca. Casou con Gomes de Riobóo Vilardefrancos e para ela mandaron construir máis abaixo a chamada Casa do Allo. Posteriormente, comezará a construción das que hoxe son coñecidas como Torres do Allo, e que serían durante quince xeracións a casa dos Riobóo.