O deporte e a cultura xa teñen datas e horas este curso en Melide e Arzúa

En ambos municipios as propostas arrancarán en outubro // Os melidenses teñen ata o próximo día 23 para anotarse
Actividades
Claudina Estévez
Multiúsos de Melide, onde se farán actividades. Foto:C.M.

Co arranque do novo curso escolar chegan tamén a Arzúa e Melide unha ampla oferta de actividades deportivas e culturais dirixidas a todos os públicos. No caso do municipio arzuán, o programa de propostas amplía a oferta con respecto aos anos anteriores.

A concellaría de Cultura, responsabilidade da edil Aurora Varela, continúa coa actividade de danza moderna dende os 5 anos nas tardes dos xoves. Mantéñense un ano máis as clases de pintura tanto para público infantil como adulto nas tardes dos mércores. Como novidade, este ano amplíase a oferta apostando por dúas disciplinas novas: bailes afrolatinos (bachata, kizomba...) para persoas adultas os mércores a partir das 20.00 horas e a creación dun Club de lectura que se desenvolverá os sábados pola mañá cada tres semanas na biblioteca da vila.

Dende o departamento de Deportes continúan apostando polas diferentes modalidades deportivas que veñen alcanzando un alto éxito de participación e satisfacción nos últimos anos. Así, este departamento municipal ofertará de novo ximnasia para a terceira idade a partir dos 60 anos, ioga e zumba para maiores de idade, e tenis e patinaxe a partir dos cinco anos.

Todas as actividades darán comezo no mes de outubro e o prazo de inscrición abrirase o vindeiro martes, 20 de setembro (ata o 30 será o ordinario e o extraordinario irá do 3 ao 28 de outubro). Os anotamentos formalizaranse presencialmente na oficina de Cultura e Deportes. Poden solicitar máis información no teléfono 981 500 222.

No caso de Melide, os que desexen anotarse ás actividades culturais e deportivas deben darse présa porque o prazo para inscribirse remata este venres, día 23. O Concello ofrecerá para este curso máis dunha vintena de modalidades deportivas e culturais nas que tanto empadroados como non empradroados poderán participar para manter o seu corpo e mente activos durante os próximos meses.

A inscrición poderá realizarse de xeito presencial nas dependencias do Concello de Melide ou a través da sede electrónica. Ésta última opción, indican dende o Concello, “é a máis recomendable para evitar aglomeracións na casa consistorial”.

Dende as concellarías de Cultura, Deportes e Política Social pretenden con esta variedade de posibilidades, tanto de actividades como de horarios, que toda a veciñanza poida participar.

As propostas culturais pasan por teatro, ballet, baile moderno, pintura, cociña, costura, fotografía e club de lectura. No caso das deportivas atópanse clases de pilates, baloncesto, atletismo, a escola de costas, tonificación, deporte combinado, zumba, hipopresivos, aerobic, fútbol sala, bádminton, baloncesto, patinaxe ou ximnasia. En definitiva, disciplinas moi variadas para todos.