O mercado de Noia afrontará tras o verán a súa transformación

Compatibilizarase a actividade dos placeiros // Destapiaranse os ventanais da planta superior
Prazas de abastos
Suso Souto
VISITA. A edil Beatriz Rosende, pola esquerda, Santiago Freire, o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a edil Laura Salgado. Foto: C.N.

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou este xoves a praza de abastos de Noia para dar conta da previsión de execución das obras de reforma do inmoble. Xunta e Concello asinaron un convenio polo cal investirán máis dun millón de euros en ditos traballos de mellora, que está previsto que empecen xa este ano.

A Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vai impulsar con máis de 500.000 euros a reforma integral do edificio, financiando así o cincuenta por cento das actuacións necesarias para consolidar o mercado como motor do comercio local da vila e como parte do seu atractivo turístico.

O obxectivo desta intervención será dotar ao inmoble dunha imaxe moderna mantendo a súa morfoloxía e permitindo reordenar o espazo comercial. Na planta baixa está previsto levar a cabo unha reconstrución dos postos centrais respectando os seus límites actuais, mentres que os postos perimetrais se conservarán integralmente e serán revestidos polo seu exterior con novos acabados para unificar a imaxe dos mesmos e do conxunto da praza.

Na primeira planta ampliarase a superficie comercial, e proponse a reubicación dos postos en torno ao espazo central, recuperando así a presenza das tres fachadas do edificio. Ademais, esta planta reorganizarase nun espazo máis diáfano capaz de albergar diferentes actividades.

A ampliación dos aseos, a mellora da accesibilidade a través da instalación dun ascensor, o incremento de espazos con luz natural e a incorporación dos servizos de consigna e almacéns son outras das actuacións previstas no proxecto que se deseñou.

Con esta iniciativa séguese reforzando a liña de colaboración entre a Xunta e os concellos para potenciar os mercados municipais e prazas de abastos, co obxectivo de acadar un modelo de calidade baseado na accesibilidade, a sustentabilidade, a organización e a xestión de servizos.

Manuel Heredia estivo acompañado polo alcalde, Santiago Freire Abeijón, e polas concelleiras de Comercio, Laura Salgado, e Relacións Veciñais, Beatriz Rosende.

COORDINACIÓN. Con respecto á execución dos traballos, o mandatario local explicou que “é unha obra que hai que compatibilizar coa actividade que hai na praza, polo que se fará por módulos para que non interfira no funcionamento, facéndoo de maneira coordinada e traballando incluso en horario de tarde e nocturno para non causar demasiadas molestias aos usuarios e usuarias”.