O Museo Man acolle o sábado a estrea do documental da historia do ‘City of Agra’

Será ás seis do serán no Museo Man no marco do encontro cultural Mare de invernía
Historia
Manuel Lavandeira
Momento do roteiro histórico animado nunha edición anterior pola costa de Camelle. Foto: City of Agra

Camariñas. Os días 10 e 11 de decembro a vila de Camelle acollerá o evento Mare de invernía, organizado pola AC Naufraxios Galegos, que engloba actividades lúdicas e culturais vinculadas co mar e coa Costa da Morte.

Un roteiro histórico por Camelle, unha feira de Nadal e a visita guiada á exposición City of Agra. 125 anos na memoria encherán de contido o encontro, no que destaca a estrea do documental City of Agra. Un podo unido pola traxedia, o sábado 10 ás 18.00 horas no Museo Man.

Un audiovisual que recolle a historia do afundimento do mercante inglés City of Agra o 3 de febreiro de 1897. Un naufraxio que marcou a vida da aldea de Camelle e os seus arredores durante décadas. Na traxedia, que este ano 2022 celebrou o seu 125 aniversario, perderon a vida 33 persoas e 32 sobreviviron grazas á enorme implicación dos mariñeiros e veciños da zona que os rescataron e acolleron nas súas casas.

Foi tal o impacto da traxedia, que a dia de hoxe, Camelle acolle anualmente o maior evento cultural adicado a un naufraxio en Galicia. Dous días cheos de actividades que serven para rememorar tanto a historia do City of Agra como a conmoción que produciu.

O documental é obra de Vizuals Lab, coa colaboración da Deputación da Coruña a través da súa liña de axudas a proxectos singulares de especial interese cultural, e co apoio inestimable da AC Naufraxios Galegos. O proxecto tamén fala dese evento que, cada ano, une a todos os veciños de Camelle co obxectivo de poñer en valor o seu pasado e a súa memoria.

Tras a labor de documentación en colaboración co pobo camellán e co escritor Fernando Patricio Cortizo, e despois de filmar a festa e diversas entrevistas, o proxecto xa ve a luz. Conta con perfil de Instagram e de Facebook nos que se conta a historia do barco e deste evento; un tríptico informativo sobre a historia do City of Agra e outro sobre os lugares de interese. Pódense consultar na ligazón https://linktr.ee/cityofagradocumental.

Ademais, a produtora poñerá todos os materiais a disposición dos centros educativos da Costa da Morte, e organizará presentación nos mesmos. Antes de que remate o ano estará en funcionamento a web cityofagradocumental.com co audiovisual completo e coa posibilidade de velo de xeito interactivo.