Oitenta e catro persoas con diversidade saen a navegar pola ría de Camariñas

Farano a bordo do veleiro ‘Laion’, de Cogami // As travesías simulan a última etapa do Camiño de Santiago entre Muxía e Fisterra
Inclusión social
Manuel Lavandeira
Participantes nunha das primeiras travesías a vela pola ría de Camariñas, que parten do porto de Muxía. Foto: Cogami

O veleiro Laion da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) volve soltar amarras e izar velas para proporcionar a oportunidade de gozar dunha experiencia que, de non ser por este proxecto denominado Gavea (Galicia Vela Adaptada), para moitas persoas seríalles imposible participar da experiencia de navegar.

As saídas, programadas durante quince días neste mes de setembro, serán dende o porto deportivo de Muxía, lugar de atraque do veleiro. As travesías serán, unha de mañá (de 11.00 a 14.00 horas) e outra de tarde (de 16.00 a 19.00 horas) pola ría de Camariñas, simulando o traxecto Muxía-Fisterra, a última etapa do Camiño de Santiago de Compostela, que non é accesible por terra para persoas con discapacidade.

A idea é que as persoas vivan a experiencia da peregrinación por mar como xa ocorría dende o século XII.

Un total de 84 persoas van poder participar nesta experiencia de vela adaptada, todas elas usuarias de entidades como Asdifica, Disvalia, Alcer Coruña, Acem Coruña, Avante, Aixiña, Íntegro, Adisbismur, do centro de recursos de Medelo e dende o Proxecto Innovador que Cogami está a levar a cabo nas instalacións do Cegadi en Santiago. Polo tanto, dende o porto deportivo de Muxía embarcarán persoas que chegan dende os concellos de O Carballiño, O Barco de Valdeorras, A Coruña, Val do Dubra, Ourense, Cabana de Bergantiños, Muros, Silleda e Santiago.

O Laion é un veleiro que foi incautado en 2002 ao narcotráfico e, dende que o ten cedido Adisbismur (Asociación de Personas con Discapacidade da Bisbarra de Muros), posibilita que as persoas con discapacidade poidan participar en actividades náutico-deportivas. Ademais, o veleiro permite o acceso á embarcación a calquera, ao estar dotado de adaptacións como un guindastre, que permite embarcar a persoas con mobilidade reducida, ou uns asentos ou backets, tamén adaptados.

Nesta edición o citado proxecto conta co apoio financeiro do Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, e tamén colabora o Xacobeo 21-22 da Xunta a través da Federación Cogami-A Coruña.