MAR. As rulas comprendidas entre Caión e Rianxo facturaron un 2 % máis en 2021 respecto a 2020 // Mobilizaron máis de 36,6 millóns de quilos de peixe e marisco // A maioría dos portos da franxa costeira melloraron os resultados TEXTO J. Ramos

Oitenta e seis millóns de euros en ingresos nas lonxas de Área

Mar
Manuel Lavandeira
Momento dunha poxa de peixe na lonxa da vila mariñeira de Laxe, un dos portos de referencia da Costa da Morte. Foto: J. M. R.

As capturas de peixe e marisco e, sobre todo, as boas cotizacións, permitiron incrementar a facturación anual das lonxas do litoral de Área de Compostela, comprendido entre Caión (A Laracha) e Rianxo. Un aumento que se rexistrou de xeito especial no segundo semestre do ano, o que permitirá pechar o exercicio cuns ingresos totais que rondan os 86 millóns de euros, o que supón un incrementó dun dous por cento con respecto ao ano 2020, segundo os rexistros de Pesca de Galicia.

As rulas desta franxa atlántica mobilizaron en 2021 máis de 36,3 millóns de quilos de peixe e marisco, unha contía sensiblemente inferior á do ano anterior, que se pechou con máis de 43,6 millóns. A maioría dos portos rexistraron, non obstante, un aumento dos seus ingresos polas vendas en lonxa.

Ribeira segue a ser o peirao que acapara o maior volume de capturas (máis de 22,3 millóns de quilos en 2021) e tamén o que máis factura (máis de 37,2 millóns de euros). No segundo lugar sitúase Noia, que este ano mellorou os seus resultados.

Así, á lonxa de Testal chegaron o pasado ano máis de 1,5 millóns de quilos de marisco (ameixa e berberecho) que xeraron uns ingresos superiores aos 13,6 millóns de euros, rexistros que contrastan cos de 2020, que se quedaron en 1,3 millóns de quilos e pouco máis de 11 millóns de euros de facturación.

Cabo de Cruz, Portosín e Muros figuran tamén entre as rulas con maior facturación neste ano, cuns catro millóns de euros de ingresos cada unha. Pola súa banda, Malpica de Bergantiños superou os 3,5 millóns, Camariñas facturou máis de 3,2, Fisterra 3,1 millóns e Aguiño acadou os 3 millóns de euros.

Un dos portos que experimentou un maior incremento, tanto de capturas como de ingresos, foi o de Corcubión, especializado na pesquería do polbo. En 2021 poxaron na súa lonxa máis de 1,1 millóns de quilos do prezado cefalópodo, que xeraron unha facturación de máis de 2,7 millóns de euros, segundo os rexistros de Pesca de Galicia. Unhas cifras notablemente superiores ás rexistradas en 2020, cando apenas mobilizaron 184.000 quilos e os ingresos non acadaron os 900.000 euros.

Uns resultados que deixan unha sensación agridoce nos profesionais do mar, xa que constatan unha alza nas cotizacións tanto do peixe como do marisco, pero seguen a detectar unha importante escaseza de recursos, ao tempo que ven moi limitada a súa capacidade de traballo debido ás restrictivas cotas fixadas para algunhas das especies que xeran maior volume de ingresos.

MAL TEMPO. O ano, nembargantes, rematou dun xeito pouco produtivo para o sector debido aos temporais que están a azotar esta franxa atlántica. Unha situación que lamentaba o patrón maior de Fisterra, Manuel Martínez, sinalando que “o luns tan só saíu un barco ao mar e o martes dous, polo que non tivemos produto na lonxa”. Unha inactividade forzada que chega nun mal momento, “xa que nestas datas antes do fin de ano, os peixes e mariscos son moi demandados e tamén moi ben cotizados”. O mal tempo afectou igualmente aos percebeiros, que non puideron faenar con normalidade nos mellores bancos.