Oito mil descargas das ‘sensasións’ de Muxía

Fitur 2022
Manuel Lavandeira
Pequeño, esquerda, Caballero e Toba amosando o QR das ‘sensasións’ de Muxía. Foto: C. M

MUXÍA. Xa son máis de 8.000 as persoas que puideron namorarse da vila da Barca a través dos seus sons. A campaña Muxía, un municipio de sensasións presentada en Fitur a semana pasada está a ser todo un éxito e o código QR suma xa máis de oito mil descargas. Así, por medio da tecnoloxía, o Concello muxián leva a súa cultura, as súas tradicións e a súa historia arredor de todo o mundo.

Ademais, decenas de rostros coñecidos como Abel Caballero, Touriñán, Paula Vázquez ou a propia ministra de Turismo, Reyes Maroto, promocionaron e foron embaixadores de luxo da campaña, xunto ao alcalde, Iago Toba. Entre as sensasións máis reproducidas están o son das palilleiras de Muxía e o Viva a Virxe da Barca do veciño José María.

A viaxe a Madrid non puido ser máis produtiva xa que o rexedor tamén tivo a ocasión de recibir o interese de diferentes empresas nas reunións mantidas pola redes de hoteis e albergues de Muxía. Paralelamente, tamén puido asistir á reunión de resultados de Paradores, que certificou ao Parador da Costa da Morte como o mellor valorado de todo o país. “Muxía é un municipio de sensasións e por iso estamos moi orgullosos do éxito que está a ter esta campaña que leva o sentir do noso Concello polo mundo. Muxía entra polos cincos sentidos e este QR é tan só unha mostra da nosa esencia, das nosas raíces, da nosa particular fala e do que somos”, destacou Toba.