Inclusión. Política Social achegou 250.000 euros para mellorar a calidade de vida de vinte e dúas persoas // A entidade recibiu 77.000 € para ampliar as instalacións // Este ano adicaranse 142 millóns para atención á discapacidade TEXTO M. Lavandeira

Oito novas prazas nos centros de día e ocupacional de Íntegro

Inclusión
Manuel Lavandeira
Cabana. O director xeral de Maiores, Fernando González, á dereita, observando o traballo de dúas usuarias de Íntegro. Foto: Consellería de Política Social

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou este martes as instalacións da Asociación Íntegro, en Nantón (Cabana de Bergantiños), onde puxo en valor que a Consellería de Política Social financia oito novas prazas nos centros da entidade, catro delas no centro de día e outras catro no ocupacional.

Ademais, explicou que a Xunta de Galicia achega en total preto de 250.000 euros para financiar 22 prazas en ambos servizos. O director xeral sinalou que con estes fondos o Goberno galego “axuda a mellorar a calidade de vida de 22 persoas con discapacidade e as súas familias”.

A maiores, a Asociación Íntegro recibiu unha axuda de 77.000 euros a través da liña do 0,7 % do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) para realizar unha ampliación do edificio no que se encontran o centro de día e o ocupacional.

Fernando González, que estivo acompañado polo alcalde de Cabana, José Muíño; o presidente de Íntegro, Adolfo López; e a directora do centro, Noelia Barreira, puido comprobar de primeira man todas as actividades que, dende hai xa trinta anos, vén desenvolvendo a Asociación das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte.

A entidade afronta este ano 2022 con novos retos e ambiciosos proxectos para seguir medrando. Entre eles, o seu presidente, Adolfo López, destaca “o incremento de prazas públicas concertadas, o fogar residencial, a sustentabilidade económica ou a posta en marcha de novas políticas de conservación ambiental, sen descoidar os valores do que marcan o noso traballo diario”.

No 2001 inauguraron as instalacións de Nantón, co obxectivo de seguir medrando e atendendo as necesidades da poboación rural. O concerto de prazas públicas da Consellería de Política Social favoreceu o crecemento e o desenvolvemento do centro. Ademais, a Xunta declarou a Íntegro como entidade de Utilidade Pública en outubro de 2010.

No seu compromiso coa inclusión laboral de persoas con discapacidade, en xullo de 2013 puxeron en marcha o centro especial de emprego de iniciativa social sen ánimo de lucro Máis Porvir Xestión Social, un espazo dedicado á prestación de servizos socio-sanitarios e labores auxiliares para empresas e administracións públicas que na actualidade dá traballo a 42 persoas, das que trinta e oito teñen algún tipo de discapacidade. “Seguiremos sendo unha entidade comprometida coa nosa misión de alcanzar a inclusión das persoas con diversidade funcional e recoñecida na sociedade polos nosos valores, o traballo directo con este colectivo e o compromiso coa inclusión no medio rural”, afirma López Baña.

PIMD rural. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou a principios de mes o centro de Íntegro, onde tamén está operativo un Punto de Intervención á Muller con Diversidade Funcional (PIMD Rural), que na actualidade conta con máis de 40 beneficiarias. Desde a súa posta en marcha, no ano 2016, a Xunta destinou case 118.000 euros co obxectivo de promover medidas específicas de loita contra a discriminación e a desigualdade de oportunidades que sofren as mulleres con discapacidade que residen no medio rural.