Infraestruturas. Comezaron as obras de dous novos itinerarios en Serantes e Soesto, no municipio de Laxe // Continúan os trámites para construír outros en Ponteceso e Coristanco // O investimento supera xa os 5 millóns TEXTO M. Lavandeira

Once quilómetros de sendas para os peóns en Bergantiños

Mobilidade
Manuel Lavandeira
Dous veciños, á esquerda, xunto co alcalde, cuarto, e a conselleira de Infraestruturas coñecendo os detalles das futuras sendas. Foto: Concello de Laxe

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou este venres o inicio das obras de construción das sendas peonís de Soesto e de Serantes, no municipio de Laxe, e avanzou que estarán rematadas a comezos de 2023 para facilitar á veciñanza desprazamentos máis seguros, limpos e saudables.

Vázquez Mourelle, que estivo acompañada polo alcalde de Laxe, José Luis Pérez, lembrou que estas actuacións contan cun investimento da Xunta de 335.000 euros. Trátase de dous itinerarios peonís que se habilitarán ao longo da antiga traza da estrada AC-433, cunha lonxitude total de 1,3 quilómetros, os cales favorecerán os desprazamentos cara a equipamentos como a igrexa e o cemiterio; ou cara a puntos de atracción e de interese turístico como a praia de Soesto.

Estas dúas novas sendas veñen a sumarse ao itinerario xa executado pola Xunta con anterioridade entre Laxe e o paseo marítimo, unindo a zona de lecer de Cabo de Area coa vila, ao que se destinou un investimento autonómico de 330.000 €.

As sendas terán un ancho que oscilará entre os 1,5 e os 2 metros, serán de formigón coloreado, en cor terriza natural, o que as fará máis visibles para os condutores que circulan pola estrada, e garante unha maior integración paisaxística na contorna.

Ethel Vázquez concretou que o itinerario en Soesto, entre os lugares de Arrueiro e Castrelo, será de uso compartido e discorrerá pola marxe esquerda da actual estrada autonómica, desde a intersección desta coa súa antiga traza, prolongándose ata o núcleo de Arrueiro.

Este itinerario, de aproximadamente 600 metros, habilitarase precisamente no treito máis urbanizado, e executarase pola marxe esquerda da estrada, que é a que normalmente empregan os veciños para ir ata a praia de Soesto.

A outra senda, a de Serantes, será un pouco máis longa, 720 metros, pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro. Neste caso, habilitarase ese novo itinerario pola marxe dereita xa que, tal e como explicou a conselleira, "é onde mellor encaixa, dado que polo outro lado non hai posibilidade de garantir un tránsito peonil continuo". Isto, engadiu, permite ademais dotar aos veciños dun itinerario cara á igrexa de Santa María de Serantes e cara ao cemiterio. A execución das sendas completarase con outras intervencións para a recollida de augas pluviais; pequenos muros de formigón armado de contención; ou o retranqueo de postes de telecomunicacións e electricidade para evitar obstáculos no tránsito de peóns.

Ethel Vázquez fixo fincapé na aposta da Xunta polo fomento dunha mobilidade máis sostible e respectuosa co medio, para acadar unha Galicia máis verde. Unha aposta que se traduce nos máis de 200 km de sendas peonís que se levan construído na última década en toda Galicia, entre eles, os 11 km habilitados na comarca de Bergantiños cun investimento de 5 M€; aos que se sumarán outros novos, como o do Couto e o de Xornes, en Ponteceso; ou o do centro comercial de Coristanco. Carballo, Cabana, A Laracha e Malpica xa teñen operativas varias sendas construídas ao abeiro do plan impulsado pola Xunta de Galicia.