Os gurús das IXP de Galicia brindaron no Pazo Goiáns

Os viñedos das catro adegas de Barbanza e Iria abarcan 5,6 ha e producen 48.000 botellas ao ano dunha quincena de caldos
Viño
Suso Souto
O PETRÓGLIFO. A Pedra das Cabras no Komokabras.

Despois das xornadas divulgativas celebradas en Valga e Rianxo, este sábado tivo lugar no Pazo de Goiáns (Boiro) un Túnel do Viño das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Galicia, que nesta ocasión tiveron como protagonistas os caldos das catro adegas de Terra de Barbanza e Iria. Ao longo do día celebráronse un acto institucional de apoio aos viños das IXP e catas comentadas polo sumiller Martiño Santos Canosa, para profesionais e público xeral, nas que estiveron representadas 15 adegas de Galicia e nas que participaron un cento de persoas.

No acto leuse unha declaración institucional, a través da que se busca o compromiso das entidades locais cos viños das Indicacións Xeográficas Protexidas para a promoción dos seus viños, o fomento do seu consumo e o reforzo do sector vitícola no territorio. Participaron representantes dos concellos de Boiro, Rianxo, A Pobra, Dodro, Valga, Pontecesures, Catoira, Portas, Ribadumia e Ribeira, entre outros.

A zona baixa do litoral norte da ría de Arousa mais o leito inferior e desembocadura do río Ulla configuran a comarca costeira onde case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo de viñedos da IXP Terra de Barbanza e Iria está por debaixo dos 150 metros sobre o nivel do mar, con suaves pendentes de orientación sur, protexidas pola serra do Barbanza, que achegan condicións idóneas para obter viños equilibrados e harmoniosos, con excelentes expresións aromáticas e características de conservación.

Para o branco: Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira (Loureiro Branco ou Marqués), Treixadura, Branco lexítimo (Albarín Blanco), Agudelo (Chenin Blanc) e Torrontés. Para o tinto: Brancellao, Caíño Tinto, Espadeiro, Loureiro Tinto, Mencía, Sousón e Merenzao. Son viños que manteñen como atributo fundamental o seu carácter lixeiro, limpo, brillante e suave no seu aroma e sabor, mantendo unha graduación alcohólica moderada, con aromas florais e afroitados; en boca son suaves, frescos, saborosos e equilibrados, con lixeiros toques de acidez. Os viños brancos presentan tons amarelos dourado brillantes, con destacados aromas florais e de froitas, boca lixeira e fresca, de bo potencial aromático e con toques cítricos ao final. Os viños tintos presentan unha capa media con tons vermellos picota e reberetes violáceos, de estrutura media e paso suave con aromas de froitas vermellas e silvestres cun toque final lixeiramente tánico.

Os viñedos das 4 adegas desta IXP abarcan 5,6 ha, comercializan 15 viños e producen ó ano 48.000 botellas.

A adega Antonio Saborido, de Cabo de Cruz (Boiro), creouse en 2007. As súas viñas abarcan unha hectárea e media e produce 7.000 botellas ó ano. Ten os seus principais mercados en Galicia, Barcelona e Logroño e comercializa os caldos Fasquía, Miúdo, Orballo, Raposo Xirpín, Xirpín e Xirpín Albariño.

De ser unha adega tradicional ata 2007, na que se vendía a produción caseira de viño como en moitas das casas veciñas, experimenta a partir deste ano unha profunda transformación para modernizar e profesionalizar a produción vinícola, mantendo a esencia tradicional.

A adega Entre os Ríos, da Pobra, que rexenta Paco Crusat, ten 2,5 hectáreas de viñas, e vén de adquirir outras 4,5, que empezarán a producir en cinco años. O seu mercado exténdese nun 50 % por Galicia e noutro 50 % por Xapón, EEUU, Inglaterra, Irlanda e Suecia. Produce 28.000 botellas ó ano de Altares de Posmarcos, Komokabras Barrica, Komokabras Lias, Komokabras Tinallas, Pintadoiro e Saras. A filosofía de Entre Os Ríos é a do máximo respecto pola paisaxe e a natureza, evitando o uso de tratamentos innecesarios (herbicidas, insecticidas e fermentos industriais), buscando que cada anada reflicta as súas propias características.

A adega Torres Augusti de Valga, que rexenta Manuel Bandín, conta cunha hectárea e produce 9.000 botellas ó ano, que vende sobre todo en Galicia, Asturias, Menorca, Ibiza, Marbella e Valencia. Está abrindo mercado tamén en Francia e Alemaña.

E a adega Cazapitas de Rianxo, que rexentan Manuel Calzado, David Rial e Juan Chamorro, ten unha hectárea de viñedos e produce unhas 4.000 botellas por ano.