Oujo: “A reforma da fachada do Son marcará tendencia”

Quintana supervisou a obra, que remata este mes // O Concello solicitou substituír unha pequena zona de formigón por xardín
Reurbanización
Suso Souto
VISITA. Pola esquerda, Rosa Quintana, Luis Oujo, Susana Lenguas e María Maneiro, supervisando as obras. Foto: Xunta

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este luns a contorna portuaria de O Son, onde a Xunta está a ultimar os traballos de remodelación integral do bordo portuario co obxectivo de favorecer a integración do peirao na vila facilitando o labor dos usuarios e facendo a zona máis atractiva para os veciños e visitantes. As obras, que están a ser realizadas por Portos de Galicia, contan cun investimento de catro millóns de euros.

A titular de Mar (que estivo acompañada pola presidenta de Portos, Susana Lenguas; o alcalde, Luis Oujo; e os concelleiros Manel Deán e María Maneiro), lembrou que a actuación se atopa na fase final e afecta a unha superficie de 26.000 m2 ó longo de toda a franxa marítima da vila.

O obxectivo é humanizar o bordo portuario e abrir o concello ao mar, de xeito que se habiliten amplas zonas para o desfrute dos veciños ao tempo que se facilita o traballo dos usuarios do porto.

As obras inclúen a creación de varias zonas de integración porto-cidade, a reorganización do vial (cun novo trazado e novos materiais de execución) e dun edificio de servizos náuticos e portuarios nas inmediacións do dique. No eido da humanización da contorna, nestes momentos estanse a realizar actuacións ornamentais como a plantación de árbores.

Tamén destacou que a obra “supón un cambio moi importante no aspecto da localidade, pois todas as rúas que cruzan a vila cara ao porto remataranse en pavimento de pedra, integrándoas co espazo portuario. Ademais, inclúe unha rotonda elevada en pedra á que se trasladará o emblemático hórreo”.

Rosa Quintana salientou tamén que todas as actuacións que realiza Portos de Galicia teñen como obxectivo dar servizo ao porto, pero tamén facer que a súa contorna sexa agradable para os usuarios e visitantes. “Isto é o que ocorre no caso do Son, que manterá a súa esencia ao conservar os sinais patrimoniais e de identidade”, engadiu.

Está previsto que os traballos rematen este mes, segundo o prazo establecido.

O alcalde dixo que só se fixo un pequeno cambio respecto á actuación proxectada, para substituír unha zona de formigón de máis de mil metros cadrados ó final da fachada (xunto ó miradoiro do cruceiro) por unha axardinada.

Luis Oujo dixo que “a reforma da fachada marítima do Son marcará tendencia e será tomada como exemplo de como rexenerar espazos urbanos en zonas portuarias”.