CONCILIACIÓN. A Xunta suma 62.000 euros ós 400.000 que investiu o Concello para rehabilitar o antigo colexio // Inicialmente proxectárase o traslado e a ampliación do Punto de Atención á Infancia, que usan vinte cativos, pero agora pecharase TEXTO S. S.

Outes abrirá en Cruceiro de Roo unha escola infantil de 30 prazas

Escolas infantís
Suso Souto
visita. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o alcalde de Outes, Manuel González, visitando as instalacións do antigo colexio de Cruceiro de Roo, nas que se ubicará a nova escola infantil. Foto: X.

Hai dous anos, o Concello de Outes decidiu ampliar a súa aposta pola conciliación redimensionando o Punto de Atención á Infancia (PAI), un servizo que se vén prestando nun baixo alugado na avenida San Campio e que conta con vinte prazas.

En 2020 o pleno aprobou modificar o seu funcionamento coa intención de ampliar os servizos que presta e trasladalo a un espazo municipal máis amplo: o antigo CEIP Emilio de Navasqües, de Cruceiro de Roo. Ata entón, o PAI abría 35 horas á semana, pero cada neno só podía estar 16 horas á semana como máximo. Púxose en marcha entón, con cargo ó POS da Deputación da Coruña e con fondos propios, a rehabilitación do colexio na que se investiron 400.000 €. “Pero, polo camiño, decidimos cambiar o plan e converter o PAI en escola infantil”, sinala o alcalde, Manuel González.

Así se fixo, e agora, o proxecto pasa por pechar o PAI e abrir a nova escola infantil este mesmo mes na planta baixa do antigo colexio.

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou este mércores, acompañada do rexedor, as instalacións que ocupará a nova escola infantil, e anunciou que a Xunta concedeu unha axuda de 62.000 euros ao Concello para cofinanciar esa actuación.

A representante autonómica dixo que contará con trinta prazas (dez máis das que ten actualmente o PAI) e que a atención educativa será gratuíta para todos os pais e nais grazas ao financiamento do Goberno galego a todos os centros da Comunidade.

Esta axuda procede da orde para a creación de prazas de titularidade municipal que beneficia a unha vintena de concellos e permitirá crear máis de 450 novas prazas de atención a nenos e nenas de cero a tres anos.

Fabiola García sinalou que Galicia se converteu nunha referencia a nivel nacional na conciliación das familias grazas a medidas como a gratuidade de todas as escolas infantís; a creación de noventa e cinco casas niño para levar a conciliación a concellos onde non existían estes servizos; e mediante o Bono Coidado, que ofrece axudas para contratar un apoio extraordinario de conciliación.

O rexedor outense dixo que foron dous os motivos que levaron ó executivo local a tomar a decisión de converter o PAI nunha escola infantil. “Por unha banda, a gratuidade do servizo decretada pola Xunta de Galicia e, por outra, o pequeno repunte da natalidade rexistrado no concello de Outes ó longo dos últimos anos”, comentou ao respecto o alcalde.

Neste sentido, cómpre sinalar que o ano pasado varias familias quedaron sen prazas para os seus fillos e fillas no PAI outense, o que, xunto coa gratuidade acordada pola Xunta, provocou que a demanda deste servizo se vira incrementada, razón pola cal se facía necesario ampliar a oferta de prazas.

En canto ás instalacións do Punto de Atención á Infancia, o Concello prevé pechalas este mesmo mes, cado se faga efectiva a apertura da escola infantil. “Estamos á espera da concesión do permiso da Inspección da Consellería de Educación e do remate dos últimos detalles pendentes, entre eles, a instalación dun peche no patio”, dixo. Cando as novas instalacións estén operativas, o Concello pechará o PAI, polo que está pagando un alugueiro mensual de case seiscentos euros.

delegnoia@elcorreogallego.es