Semana Santa. Xuntou exemplares das catros provincias galegas // Luis Zahera encheu a praza de Macías durante o seu pregón // En Camariñas pechou a trinta e unha Mostra do Encaixe con premios aos noveis deseñadores TEXTO Manuel Lavandeira

Padrón vibrou no día grande da Pascua coa Feira Cabalar

Semana Santa 2022
Manuel Lavandeira
Camariñas. Desfile de Grandes de Deseñadores. Foto: C. C.

A Feira Cabalar de Pascua, unha das tradicións máis arraigadas das festas de Padrón, xuntou no campo da Barca a exemplares procedentes das catro provincias galegas e a milleiros de afeccionados, que encheron tanto a zona reservada a feira como a praza na que se desenvolveron os concursos morfolóxicos.

Dende a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) destacaron a calidade dos exemplares que participaron nas diferentes categorías, en especial os de pura raza española e árabe. E resaltaron o feito de que acudisen criadores das catro provincias galegas, algún deles dende Tomiño. A Feira cabalar de Pascua é unha das citas de referencia na equitación galega, e despois de dous anos de pandemia, “notouse que a xente tiña ganas de recuperar a normalidade”, indicou un membro da organización.

A feira, organizada polo Concello de Padrón coa colaboración de Puraga, Concursos Hípicos no Camiño, Xacobeo 21-22 e Abanca, repartiu 3.600 € en premios e contou cunha exhibición de doma adaptada.

Unhas festas de Pascua que este ano tiveron como pregoeiro ao actor e Premio Goya Luis Zahera, quen louvou o espírito e o bó carácter das xentes de Padrón, así como algúns dos exquisitos manxares, como os pementos de Herbón e a lamprea. Felicitou ao Concello pola recente declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia e pediu o seu recoñecemento internacional. Nunha praza de Macías ateigada de padroneses e visitantes, Zahera tamén lle reclamou á Xunta que declare o Camiño da Pedronía como ruta xacobea oficial, e invitou a todos os peregrinos a que fagan os 18 quilómetros que separan Santiago e Padrón para conseguir a distinción.

Na xornada dominical moita xente volveu á praza de Macías para escoitar o concerto da Banda de Música de Padrón. Dirixidos por Braulio Cao, os corenta músicos interpretaron unha decena de temas para goce do público. E á praza Fondo de Vila chegaron os xigantes e cabezudos, acompañados polo grupo folclórico San Pedro de Carcacía. Pola tarde houbo obradoiros artísticos dirixidos á cativada e un concerto infantil de Peter Punk e Brais das Hortas, como antesala ao prato forte: o concerto das Tanxugueiras, en Fondo de Vila. Outros dos actos do día foi oespectáculo de recortadores, que era a primeira vez que se organiza en Galicia. Participaron nove saltadores, que tiveron que facer diversos quiebros e piruetas diante de catro touros.

A iniciativa resultou un éxito e o público puido gozar coa habilidade dos nove mozos participantes. O alcalde, Antonio Fernández Angueira, e membros do goberno presidiron o espectáculo.

PUNTILLAS. En Camariñas, pola súa banda, pecharon onte unha éxitosa Mostra do Encaixe, que chegou á súa trinta e unha edición e reafirmouse como o gran referente da Costa da Morte na Semana Santa. A xornada de clausura iniciouse cunha acción moi especial: a presentación das equipacións da Escola de Fútbol municipal Juan Cabrejo. Os nenos e nenas das diferentes categorías da escola, acompañados polos seus adestradores, desfilaron na pasarela da Mostra para ensinar ás súas familias e ao resto do público presente na pasarela o ben que locen as novas equipacións.

O concelleiro de Deportes, Fabián Canosa, fixo un agradecemento aos clubes Camariñas, Porteño e Camelle. "Eles foron o que deron o paso decisivo para crear esta unión de pobo”, afirmou. O broche á gran cita encaixeira chegou co acto de entrega de premios aos gañadores do Concurso de Noveis Deseñadores.