O homenaxeado emocionou a todos os presentes no acto do seu nomeamento cun discurso poético cargado de agradecemento e morriña // O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o seu papel como referente xornalístico TEXTO C. Estévez / A.R.

Pepe Domingo Castaño volve a Dodro como Fillo Predilecto

Homenaxe
Claudina Estévez
Pola esquerda, Pepe Domingo Castaño, Alfonso Rueda, Xavier Castro e Antonio Leira durante o acto de nomeamento. Foto: Fernando Blanco

O Concello de Dodro nomeou este luns ao xornalista nado en Lestrove Pepe Domingo Castaño, Fillo Predilecto do municipio. O acto tivo lugar no patio central do Pazo de Lestrobe, sobre as 14.00 horas, despois das celebracións habituais do luns dos afrixidos, a misa solemne, a procesión e a poxa dos ramos.

Ao acto asistiu o titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, quen destacou o papel de Pepe Domingo Castaño como referente xornalístico e como un dos grandes embaixadores de Galicia. O presidente da Xunta subliñou ademais a súa contribución no espallamento do bo nome de Galicia e salientou a súa figura como modelo de emigrante que triunfou fóra da súa terra. Na mesma liña, agradeceulle o orgullo co que sempre defendeu as súas orixes en Dodro e a súa infancia en Padrón. “Pepe Domingo Castaño é un galego que exerce e que fala ben sempre de nós”, afirmou Rueda ao respecto.

Durante a súa intervención, Alfonso Rueda salientou a carreira xornalística do homenaxeado, de quen dixo que “foino todo na radio” conseguindo crear, ademais, da publicidade “unha arte”, e a súa faciana como escritor. Así, o presidente explicou que nas súas memorias, Hasta que se me acaben las palabras, foi capaz de definir nunha soa frase os sentimentos dos galegos e galegas que non esquecen as súas raíces: “deixar o pobo dun é como unha liña vermella que marca un bisturí na carne da alma”, escribiu.

Para finalizar, o presidente da Xunta valorou que Pepe Domingo Castaño recorde sempre con orgullo as súas orixes na comarca do Sar. “Sempre vas ser ben recibido no teu pobo e en Galicia”, sentenciou.

O homenaxeado emocionou a todos os presentes no acto de nomeamento cun fermoso discurso poético, que comezaba dicindo: “Pola banda de Lestrove/ onde chove miudiño,/ onde miudiño chove, / O fume dos foguetes é o fume da festa, / Hai gaiteiros que poñen a morriña no peito/ Polas rúas do vran xa están brincando os nenos/ Hai fervor de Aflixidos cando Agosto se deita”.

Foron uns versos nos que o xornalista lembrou aos seus familiares e demostrou o cariño pola súa terra e o feliz que lle fai ser nomeado Fillo Predilecto dela.

O deste luns foi un dos actos máis especiais que se desenvolveron no marco das grandes festas dos Aflixidos de Lestrove. O alcalde, Xavier Castro, deixaba claro no seu saúdo a orixe do xornalista: “se ben os máis novos pensaban que era un padronés moi coñecido, temos que dicir que Pepe Domingo Castaño naceu aquí, na nosa aldea de Lestrove, e polo tanto é de Dodro coma nós, cousa que el moi ben recoñece no seu libro biográfico”, afirmou.

E de feito así é, pero el indicou a este xornal que tamén ten un forte apego por Padrón, pois alí radican os seus recordos da infancia. De feito, confirmou que Pepe Domingo é tan padronés como lestrovense. Cre que súa nai Rosa, de Lestrove, estaría moi orgullosa deste nomeamento: “imagínate que a un hijo mío, con el paso del tiempo le nombran Hijo Predilecto de, no sé, Madrid, porque nació allí, o de A Coruña... Pues yo creo que sentiría el orgullo de una madre que vivió aquí y que dio a luz aquí a mi hermano Antonio, que en paz descanse, y a mí. Los dos primeros nacieron en Lestrove”, dixo.