Pequetroula impulsa na Pobra a conciliación e o tecido comercial

Adquirindo uns bonos-desconto, os pais poderán deixar ós seus fillos nun recinto con proxeccións, espectáculos e obradoiros
conciliación
Suso Souto
PRESENTACIÓN. Pola esquerda, Noelia Hermo, Sara Sánchez, Charo Varela, Lois Piñeiro e Susana Moreira, este martes na presentación do programa Pequetroula, na Pobra. Foto: C. P.

A concellería de Promoción Económica da Pobra, que dirixe Charo Varela, lanzou unha campaña para fortalecer o sector comercial a través da conciliación, ca colaboración da plataforma DEAN.shop e da patronal. Trátase do programa Pequetroula, un espazo lúdico no que a rapazada de 3 a 14 anos se pode divertir mentres as súas familias realizan compras nos establecementos de proximidade.

Xunto a Varela participaron tamén na presentación o alcalde, Lois Piñeiro; a técnica municipal de Promoción Económica, Sara Sánchez; a presidenta de DEAN.shop eCommerce, Noelia Hermo; e a administrativa da patronal, Susana Moreira.

Unha zona da Praza Alcalde Segundo Durán habilitarase cun toldo, lugar que se converterá nun fervedoiro de actividades amenas e creativas: proxeccións de filmes, obradoiros de iniciación á maxia, cociña, ciencia, parkour ou contacontos son algunhas das propostas. Desenvolveranse durante as fins de semana comprendidas entre os días 8 de outubro e 18 de decembro, atendidas por monitorado e especialistas en distintas materias. O horario definido para os sábados é de 11.30 a 14.00 e de 17.30 a 21.00 horas, mentres que nos domingos se establece dende as 12.00 ata as 14.30 horas.

Para acceder a este servizo é preciso presentar un bono Pequetroula, que se pode conseguir online a través da web www.deanshop.es a partir deste mesmo xoves, ou presencialmente na oficina de Turismo, con atención ao público de luns a venres, de 09.30 a 14.30 horas. Tamén existe a posibilidade de facelo na propia praza media hora antes do inicio de cada sesión.

Pode beneficiarse desta iniciativa tanto a veciñanza da localidade pobrense como a doutros municipios.

Posteriormente, o bono poderase trocar por descontos en 36 comercios da vila que terán un distintivo: téxtil, moda deportiva, salóns de peiteado, centros de estética, tendas de tecnoloxía, mercerías, panaderías, tendas de comestibles e dous locais hostaleiros.

O prezo destes bonos por sesión distribúese da seguinte maneira: na quenda de mañá, 7 € pola entrada dun cativo; pola tarde, 10 €; e coa opción de mañá e tarde, 15 €.