Planificación. A Deputación quere deseñar a Axenda Urbana de dez concellos // Facer fronte ao cambio climático, fomentar a mobilidade sustentable e mellorar a calidade de vida son algúns dos obxectivos // Pedirá unha axuda TEXTO M. Lavandeira

Plan piloto na Costa da Morte para definir as cidades futuras

Urbanismo
Manuel Lavandeira
Carballo é un dos concellos que máis aposta pola mobilidade sostible e ten en execución nove sendas peonís e ciclistas. Foto: Concello de Carballo

A Deputación da Coruña aprobou, por unanimidade, solicitar unha subvención ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a a execución dun proxecto piloto consistente na elaboración dun Plan de Acción local da Axenda Urbana para a Costa da Morte.

A Axenda Urbana é un documento estratéxico que persegue acadar a sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento urbano. Constitúe ademais un documento de traballo e un proceso para todos os actores, públicos e privados, que interveñen na planificación dos núcleos urbanos. Este novo método de traballo busca maximizar o potencial de crecemento das cidades e os territorios e, a través del, abordar os diferentes retos sociais.

O obxectivo é reflexionar e transitar cara un modelo de cidade futura que sexa máis resiliente aos retos do cambio climático, que conte cunha boa planificación urbanística, que goce dunha mellor calidade da contorna e que sexa facilmente recorrible a pé e en medios de transporte non contaminantes, que favoreza a preservación do territorio e a cohesión social, que sexa máis verde e permeable e que favoreza a economía circular e a biodiversidade urbana. Todo isto tendo en conta as novas realidades da era dixital e co obxectivo último de dotar de maior calidade de vida aos seus habitantes.

Por todo isto, dende a entidade provincial concíbese a Axenda Urbana como o instrumento de planificación estratéxica máis axeitado para acadar a sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento territorial da provincia e de aí o interese da Deputación nesta convocatoria, necesaria para explorar novas fórmulas de planificación do territorio e en especial, en desenvolver un novo esquema de planificación territorial baseado en áreas funcionais que poidan ser replicables noutros territorios dispersos compostos por varios municipios pequenos.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, explicou que a área de intervención proposta para o desenvolvemento do proxecto piloto para a elaboración do Plan de Acción local da Axenda Urbana da Costa da Morte está composta polos concellos deCee, Corcubión, Fisterra, Dumbría, Muxía, Vimianzo, Camariñas, Carnota, Mazaricos e Zas, que suman un total de 45.673 habitantes e, a nivel de planificación estratéxica, atópanse nunha situación similar en canto a plans aprobados e postos en marcha, tamén en relación a datos demográficos e socioeconómicos, así como no relativo a debilidades, ameazas, fortalezas, oportunidades, problemáticas e retos a abordar de cara ao futuro.

A candidatura de proxecto piloto para a elaboración do Plan de Acción Local da Axenda Urbana é da Costa da Morte identificará os principais retos aos que se enfronta esta zona, tratando de perfilar medidas e actuacións en tres grandes ámbitos: social, económico e ambiental-patrimonial.

NOVE MESES. Este plan de acción local terá un período de execución de nove meses e un orzamento estimado de 150.000 euros, que serían totalmente sufragados pola subvención do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, no caso de ser finalmente concedida.