Portos reubicará os bancos e os bolardos en Palmeira

Tras as protestas delimitará de novo as zonas para peóns, paso de vehículos e estacionamento
Portos
Suso Souto
REUNIÓN. Susana Lenguas, esquerda, Rosa Quintana e Manuel Ruiz na reunión que mantiveron este martes. Foto: Xunta

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo este martes un encontro co alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, para abordar os traballos provisionais e preliminares de reordenación realizados por Portos de Galicia no peirao de Palmeira. Ambos acordaron elaborar unha nova proposta de distribución dos elementos instalados na zona máis próxima ao mar (bancos de pedra e bolardos) co obxecto de deixar unha área habilitada para o tránsito peonil, outra en paralelo cunha vintena de prazas de aparcadoiro e unha terceira habilitada para o tráfico rodado.

Do outro lado desa vía liberarase a zona de elementos de separación actualmente instalados, unha actuación que se fará proximamente.

As modificacións acordadas na xuntanza, na que tamén participou a presidenta de Portos, Susana Lenguas, son o resultado do compromiso trasladado polo Concello de que realizará unha axeitada vixilancia da zona para que o estacionamento na contorna sexa ordenado e garanta a seguridade dos usuarios e a actividade portuaria.

Neste sentido, o Executivo galego busca que o resultado das actuacións dea resposta tanto aos intereses do sector profesional do porto como ás demandas da veciñanza.

Neste sentido, a conselleira considera fundamental un adecuado control da presenza de vehículos na zona para evitar a masificación do peirao e posibles interferencias no desenvolvemento da activade ordinaria dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro. Nesta liña, hai que lembrar que en determinadas épocas do ano, como a estival, adoitan producirse importantes aglomeracións de vehículos nos espazos portuarios de Palmeira.

A Xunta lembra que os traballos desenvolvidos ata o momento neste peirao ribeirense son provisionais e se enmarcan nunha obra menor de ordenación da superficie portuaria previa á contratación da primeira fase do proxecto global de remodelación do porto. Nesa primeira fase está previsto investir arredor dun millón de euros e o obxectivo é conectar o núcleo costeiro co mar e eliminar as barreiras visuais que impiden gozar plenamente da paisaxe mariñeira da vila.

“Esta proposta e o investimento previsto dan conta do compromiso da Xunta para remodelar o paseo marítimo, humanizar as instalacións e achegar a vila ó mar para o desfrute de todos de xeito compatible ca actividade portuaria”, dixo Rosa Quintana.