VIXILANCIA. Cos 296.000 euros que reciben, vinte e tres concellos poden insertar a persoas desempregadas e facilitarlles experiencia e práctica profesional // Gonzalo Trenor presentou o plan autonómico no areal de San Francisco de Muros TEXTO S. S.

Praias e piscinas seguras en Área: axudas para ‘fichar’ 91 socorristas

Salvamento e Socorrismo
Suso Souto
EN MUROS. Pola esquerda, Judit Fontela, Inés Monteagudo, Gonzalo Trenor, Juan Martínez e Ramón Lago na praia de San Francisco de Muros. F: X.

A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria de axudas destinadas aos concellos galegos para apoiar a contratación de servizos de interese xeral, que sexan competencia municipal. No caso da Área de Compostela, a Consellería de Emprego e Igualdade financiará a contratación de 91 socorristas en 23 concellos cun investimento total de 295.290 euros.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentou os detalles destes apoios nunha visita á praia muradana de San Francisco, onde estivo acompañado pola alcaldesa, Inés Monteagudo; a xefa territorial de Emprego e Igualdade, Judit Fontela; o xefe local dos GES, Ramón Lago; e o concelleiro de Deportes, Juan Martínez.

O representante autonómico destacou que “estes programas teñen como obxectivo dar cobertura aos concellos para que poidan prestar servizos de forma máis eficaz e ao mesmo tempo apostan por un sistema de colaboración coas entidades locais encargadas da selección deste persoal”. En global, en toda Galicia, a Xunta inviste este ano 1,5 millóns de euros para axudar a 163 concellos e unha mancomunidade a sufragar os costes da contratación dun total de 464 socorristas en praias, piscinas e espazos fluviais.

Un dos requisitos principais desta iniciativa é que as persoas que se contraten sexan desempregadas, cos obxectivos de seguir impulsando o emprego local na comunidade galega e de proporcionarlles experiencia e práctica profesional que permitan a súa inserción laboral.

Esta medida pretende tamén mellorar a empregabilidade das persoas participantes para dinamizar o mercado laboral galego. Enmárcase na prioridade da Xunta de crear máis e mellor emprego de calidade na comunidade e completa outras iniciativas que xa se activaron e que favorecen a contratación. É o caso dos obradoiros de emprego, nos que se invisten 30,2 millóns de euros para permitir a formación e o acceso ao emprego de 1.500 persoas; as axudas para a contratación de orientadores laborais, ás que se destinan 6,8 millóns de euros para a contratación de 280 persoas; ou os Programas Integrados de Emprego, cun orzamento de 8,4 millóns de euros para apoiar a contratación de 3.300 persoas en municipios e entidades sen ánimo de lucro.

Na comarca do Barbanza concedéronse 178.866 euros en axudas para contratar 55 socorristas: 8 en Boiro (30.337 €); 6 en Carnota (22.000 €); 1 en Lousame (2.999 €); 6 en Muros (20.400 €); 6 en Outes (18.000 €); 6 na Pobra (19.200 €); 8 en Porto do Son (24.000 €); 6 en Rianxo (17.929 €); e 8 en Ribeira (24.000 €).

Bergantiños e Costa da Morte repártense 92.282 € para contratar 29 socorristas: 4 en Camariñas (12.000 €); 1 en Cee (3.000 €); 3 en Dumbría (10.682 €); 4 en Fisterra (12.000 €); 2 na Laracha (7.200 €); 7 en Laxe (21.000 €); 2 en Muxía (6.000 €) e 6 en Ponteceso (20.399 €).

E na comarca de Santiago de Compostela distribúense 24.142 € para contrara a outros sete: 1 na Baña (3.600 €); 1 en Melide (3.600 €); 1 en Negreira (3.800 €); 1 no Pino (3.000 €); 1 en Santa Comba (2.942 €); e 2 en Val do Dubra (7.200 €).

Tamén reciben subvención Santiago (6.400 € para dispoñer de 2 profesionais); Santiso (7.600 € para outros 2); e Boimorto (3.000 para 1).

Así mesmo, durante a súa visita á localidade de Muros, Trenor destacou as axudas destinadas á contratación de 700 persoas perceptoras da Risga, que contan cun orzamento de 7,7 millóns de euros en toda Galicia para dar apoio a 165 concellos ou agrupacións de municipios.