Acadan o selo os roteiros litorais de Camariñas, Saldoiro, Razo-Baldaio e Coroso-Río Azor // O centro de visitantes do faro de Cabo Vilán, o Museo Man e o centro de interpretación dos Muíños de Auga larachés terán un distintivo similar TEXTO S. S.

Premian como sendeiros azuis catro rutas comarcais ao longo de 41 km

Banderas Azules
Suso Souto
Isabel Sanmartín, esqda., do Real Jardín Botánico; David Rodríguez, edil de Cervo; Mª Sampedro, edil de Ribeira; Do Campo; os alcaldes da Laracha, José M. López, e Sanxenxo, Temo Martín; Moncho Martínez, edil da Laracha; e Ana Jar, subdirectora de Desarrollo y Sostenibilidad Turística. Foto: X.

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) entregou este xoves en Madrid os prezados distintivos Sendeiro Azul, cos que se recoñece o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna. E, dos 86 roteiros galardoados en España, 29 rutas pertencentes a 19 municipios e cunha extensión total de máis de 220 quilómetros están en Galicia, que volve ser a Comunidade española con máis sendeiros azuis.

Este ano, Adeac convocou estes últimos distintivos como un programa independente (é a primeira vez que se convoca unha cerimonia propia e separada para anuncialos). Ao evento acudiu en representación da Xunta a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

Entre as principais novidades das rutas distinguidas este ano en Galicia cómpre subliñar que os concellos de Ribeira e Poio entran por primeira vez na listaxe.

No caso ribeirense trátase do sendeiro litoral de Coroso-Río Azor, de 3,7 quilómetros de lonxitude. Xunto a el recibiron o mesmo distintivo o sendeiro de Saldoiro (A Laracha), de 1,5 quilómetros; a ruta litoral de Camariñas, de 26 km; e a Senda do Mar Razo-Baldaio, de 10 km.

Deste xeito, o ámbito territorial de Área de Santiago conta este ano con catro sendeiros azuis que suman un total de 41,2 quilómetros.

En canto ao reparto por provincias, Pontevedra, con 19 itinerarios localizados nun total de 9 municipios, que suman case 137 km, lidera o ranquin provincial a nivel autonómico e tamén nacional, seguida da Coruña, con 6 sendeiros noutros tantos concellos (máis de 55 km) e de Lugo, que suma 4 no mesmo número de municipios, cun total de 25,8 km ao longo da Mariña.

Por outra banda, a Adeac concedeu tamén este ano a Bandeira Azul a once portos deportivos galegos, e a 14 instalacións dedicadas á educación ambiental e á atención aos visitantes, que terán este verán a consideración de centros azuis.

No ámbito litoral de Área de Santiago renovaron a prezada Bandeira Azul once praias da comarca, así como o Club Náutico Boiro-Marina Cabo de Cruz (Boiro) e o Real Club Náutico de Portosín (Porto do Son).

Asimesmo, a Comunidade galega suma un novo Centro Azul, ao incorporarse por primeira vez a esta prestixiosa lista o centro de visitantes do faro de Cabo Vilán, en Camariñas, e engade nove sendeiros azuis á vintena cos que xa contaba o pasado ano, entre os que se volven atopar o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte Golmar (A Laracha) e o Museo Man de Camelle (Camariñas).

Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis en praias e portos deportivos están relacionados coa calidade das augas (que ten que ser excelente), a seguridade e a accesibilidade, a dotación de servizos, a xestión ambiental e a sustentabilidade destes espazos.

Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.

Galicia recibiu este ano 166 galardóns entre areais, instalacións portuarias, centros e sendeiros, o que supón 11 máis que o ano pasado.