Produtores e especialistas poñen en valor a IXP Pataca de Galicia en Coristanco

En 2021 comercializáronse máis de seis mil toneladas por valor de 3 millóns de euros // Buscan mellorar as técnicas de cultivo
Sector primario
Manuel Lavandeira
O alcalde, Juan Carlos García, no centro, na inauguración do seminario. Foto: C. de Coristanco

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, puxo en valor a indicación xeográfica protexida (IXP) Pataca de Galicia no seminario de mellora das técnicas de produción da pataca que se celebran no edificio de usos múltiples de Coristanco. Subliñou que no 2021 comercializáronse máis de 6.000 toneladas que xeraron un valor económico de máis de 3 millóns de euros.

O encontro, que rematará este martes, ten como obxectivo reflexionar sobre as técnicas de cultivo da pataca a través do intercambio e transferencia de coñecementos entre Galicia e a Bretaña francesa, ao tempo que se busca establecer liñas estratéxicas para a implementación de técnicas de cultivo que optimicen os rendementos e a conservación dos solos e instaurar canles de cooperación entre os produtores que contribúan á mellora dos sistemas de produción, almacenamento e tamén á comercialización.

Para iso, o seminario conta con charlas e mesas redondas nas que participan diversos expertos, tanto galegos como da Bretaña francesa.

Durante a xornada do luns abordáronse temas como os criterios de traballo do solo, os labores preparatorios para o cultivo da pataca ou os sistemas de plantación. Tamén se intercambiaron experiencias entre o cultivo da pataca na Bretaña e na comarca de Bergantiños e visitaron diferentes parcelas co fin de adquirir novos coñecementos.

Por outra banda, na xornada deste martes abordarán temas como o plan de fertilización da pataca, o tratamento e coidados das plantacións, a cargo de Philippe Dolo, técnico de Bretagne Plants, ou o uso dos fitosanitarios. Ademais, haberá unha mesa redonda na que participarán produtores tanto da Bretaña como locais para dar a coñecer experciencias de cultivo tanto na comarca de Bergantiños como na referida rexión francesa.

Posteriormente farán unha visita de estudo sobre o almacenamento e conservación da pataca. O seminario pecharase cunha análise das conclusión das visitas e unha síntese das diferentes temáticas abordadas estes dous días en Coristanco.

A iniciativa foi organizada pola Consellería de Medio Rural, coa colaboración do Concello de Coristanco, Bretagne Plants, e o Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa. O seminario foi inaugurado polo alcalde coristanqués, Juan Carlos García, e no acto participou tamén o director da EFA Fonteboa, Luis García, entre outros.

XINZO. O seminario celebrado na comarca de Bergantiños terá continuidade, o mércores 18 e o xoves 19, cunhas xornadas na casa da cultura de Xinzo de Limia. Os interesados poden inscribirse chamando ao 616 764 805 ou ao 981 654 637.