Profesionais turísticos súmanse ao plan de promoción do Camiño a Fisterra e Muxía

Turoperadores e técnicos municipais participaron nun encontro no Parador Costa da Morte // A asociación de concellos desta ruta queren valorizar todo o patrimonio
Ruta Xacobea
Manuel Lavandeira
Participantes na xornada de promoción do Camiño Fisterra-Muxía no Parador Costa da Morte. Foto: ACC

A Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía reuniu este mércores no Parador Costa da Morte (Muxía) a unha trintena de touroperadores e técnicos municipais co fin de avanzar na promoción desta ruta xacobea.

Abriron a sesión o presidente da asociación e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que estiveron acompañados polos alcaldes de Corcubión, Manuel Ínsua; Negreira, Manuel Ángel Leis; e Fisterra, Xosé Marcote.

Pequeño destacou as cualidades deste Camiño. “É o gran patrimonio que temos. Os veciños tamén son parte dese patrimonio, non só os peregrinos. É o camiño da luz, de gran valor inmaterial, e parece que non somos capaces de poñelo en valor. Pero tamén precisamos apoio institucional e da iniciativa privada”, afirmou, ao tempo que convidou aos presentes a ser embaixadores desta ruta.

Pola súa parte, Xosé Regueira referiuse ao Camiño de Fisterra e ao Inglés, os dous que discorren enteiros pola provincia. “Recomendar estes Camiños é recomendar unha experiencia turística de primeiro nivel, pola amabilidade, as especialidades gastronómicas diferenciadas nas catro estacións do ano e unha morea de recursos de calidade e, ademais, non están masificados”, destacou. Aludiu asemade á responsabilidade ecolóxica para unha experiencia sostible e advertiu de que o turismo está evolucionando. “O turista será moito máis esixente”, concluíu.