Profesores de Área recollen ‘regueifas’ na illa de Sardeña

Patrimonio inmaterial
Manuel Lavandeira
Equipo de profesorado de Europa de Repente na vivenda do improvisador sardo Bernardu Zizi, terceiro esquerda. Foto: CFR

Vimianzo. O modelo educativo da regueifa e a improvisación oral en verso, creado polo Proxecto Regueifesta, está a ser divulgado a través dun proxecto Erasmus+ en diversos países europeos. A iniciativa Europa de Repente, coordinada polo CFR de Vimianzo e en parcería co CEIP Labarta Pose, de Baio (Zas) o IES do Milladoiro (Ames) e o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, realizou a súa terceira mobilidade á illa de Sardeña (Italia) para coñecer as diferentes formas de improvisación oral en verso.

Nestas visitas de observación e intercambio de experiencias con asociacións culturais, gravaron as composicións improvisadas da gara ou o muteto, cantadas nas diferentes variantes da lingua sarda.

Partillar experiencias educativas, construír cooperación pedagóxica, mellorar competencias e construír rede son algúns dos obxectivos clave do proxecto que vai rematar nas próximas semanas coa mobilidade a Iparralde (Francia).

Nesta visita á illa, igual que nas anteriores mobilidades a Madeira e á Toscana, as persoas docentes do proxecto realizaron numerosas entrevistas e gravacións a persoas de moi diferentes idades para compoñer un documentario que visibilice cal é a situación actual do repentismo en Europa así como fornecer recursos e materiais educativos a outros docentes.

Este traballo ten como obxectivo a creación e desenvolvemento dun proceso no coñecemento, valoración e difusión do noso patrimonio inmaterial en irmandade con outras manifestacións artísticas similares. Un recoñecemento emocional da riqueza da nosa regueifa como impulsora e dinamizadora educativa, social e cultural.

Os seus promotores aseguran que “é unha experiencia única para crear oportunidades nas que compartir coñecemento, observar metodoloxías novas e fornecer lazos de colaboración entre países veciños que repercutirán positivamente nas nosas aulas”.