O parque empresarial boirense de Espiñeira recibe axudas para a mellora da pavimentación, da sinaléctica e das beirarrúas e tamén a instalación de colectores de lixo // A Xunta trata de facilitar a captación de novos investimentos TEXTO V. Furelos

Pulo ós polígonos industriais na busca da creación de emprego

Polígono industrial
Víctor Furelos
Francisco Conde, quinto pola esquerda, camiña por diante da nave de Jealsa no polígono boirense da Espiñeira.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou na xornada deste luns o parque empresarial de Espiñeira, en Boiro, un dos beneficiarios das axudas postas en marcha pola Xunta de Galicia para ofrecer as mellores condicións de servizo ás empresas asentadas nos polígonos e facilitar a captación de novos investimentos.

En concreto, o parque de Espiñeira foi inaugurado no ano 1998 e na actualidade ocupa case 400.000 metros cadrados, nos que levan a cabo as súas actividades preto de 70 empresas. O polígono da Espiñeira é un dos máis competitivos do Barbanza, axudado pola súa ubicación, xa que está ao pe da autovía que comunica ca AP-9, que leva ás principais vilas galegas e ó aeroporto santiagués de Lavacolla e está situado a apenas doce quilómetros do porto de Vilagarcía e moi cerca da terminal de carga de ferrocarril de Padrón.

O polígono empresarial boirense obtivo dúas axudas, cuxo importe supera os 183.000 euros e cos que se agarda mobilizar case 230.000 euros. Estas aportacións permitirán a mellora da pavimentación, da sinaléctica e das beirarrúas e tamén a instalación de colectores de lixo.

Estas actuacións enmárcanse dentro da liña de apoios posta en marcha pola Xunta de Galicia para impulsar proxectos de acondicionamento de infraestruturas, a través dun investimento de 4,12 millóns de euros. En total, foron 51 os municipios galegos –entre os que se inclúe Boiro– os que puideron mellorar as redes viarias, a xestión de residuos, a depuración de augas ou a seguridade nos seus polígonos.

Na provincia da Coruña resultaron apoiados vinte e un proxectos, que entre todos suman unha partida pública de 1,7 millóns de euros.

Estas actuacións forman parte da vontade do Goberno autonómico de dar pulo aos parques empresariais galegos, facilitando que empresas e emprendedores dispoñan dunha oferta competitiva de parques e polígonos onde instalarse para dinamizar e impulsar a actividade económica e crear postos de traballo.

Neste sentido, o vicepresidente económico apuntou á Lei de Áreas Empresariais de Galicia que está a preparar o Executivo para seguir traballando cos concellos na mellora destas infraestruturas “para que poidamos seguir atraendo investimentos e, polo tanto, xerando emprego”, apuntou, ao mesmo tempo que asegurou que a colaboración desde a Xunta de Galicia vai seguir sendo “permanente”.

areadecompostela@elcorreogallego.es