Pertencen aos municipios de Muros, Teo, A Estrada e Lalín // O fin é que creen emisoras ou laboratorios escolares // Acaban de incluírse trinte e actualmente o número de participantes no programa da Xunta elévase a 167 TEXTO Claudina Estévez

Radio na Biblio incorpora catro novos centros educativos de Área

Bibliotecas escolares
Claudina Estévez
Alumnas do CEIP López Ferreiro, de Santiago, na emisora de radio que teñen no marco do progama, nunha foto de arquivo. Foto: C.G.

A Xunta de Galicia vén de incorporar 30 novos centros educativos ao programa Radio na Biblio, de tal forma que o número de colexios e institutos integrados nesta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades se eleva a 167 neste curso. Todos eles forman parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).

O obxectivo deste programa é que os centros de nova incorporación creen emisoras ou laboratorios nas súas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado.

Os centros educativos da área compostelá que pasan a formar parte de dito proxecto son o CEIP Ramón de Artaza y Malvárez de Muros, o CEIP Plurilingüe Os Tilos de Teo, o CEIP do Foxo da Estrada, e o IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín. Todos eles percibirán unha contía de 2.000 euros. O resto de colexios e institutos galegos que entran na iniciativa son: CEIP Plurilingüe Alborada (A Coruña), CEIP de Pazos (Ferrol), CEIP de Esteiro (Ferrol), IES de Mugardos (Mugardos), CEIP Couceiro Freijomil (Pontedeume), CPI de Cervantes (Cervantes), CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga (Guitiriz), IES Sanxillao (Lugo), CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz (Meira), CEIP Plurilingüe de Palas de Rei (Palas de Rei), IES de Quiroga (Quiroga), CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea), IES Xesús Taboada Chivite (Verín), CPI da Cañiza (A Cañiza), CEIP Manuel Rodríguez Sinde (A Guarda), CEIP Marquesa do Pazo da Mercé (As Neves), CEIP de Ardán (Marín), CEIP de Sequelo-Marín (Marín), IES de Meaño (Meaño), IES Plurilingüe Pedra da Auga (Ponteareas), CEP Carlos Casares (Salvaterra do Miño), IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), CEIP Plurilingüe O Pombal (Vigo), CEIP Plurilingüe Santa Mariña (Vigo), EOI de Vilagarcía (Vilagarcía de Arousa) e IES A Basella (Vilanova de Arousa).

No caso dos 137 centros que xa contan cun laboratorio de radio no marco desta iniciativa, recibirán 500 euros cada un para a realización de obradoiros de formación específica; en materia técnica para o funcionamento da emisora de radio, e a elaboración de producións radiofónicas, ou para o desenvolvemento de competencias mediáticas a través da radio ou sobre lectura expresiva ou mellora da expresión oral.

Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2021/2025 de Bibliotecas Escolares, que contempla o reforzo dos programas que inciden na formación dos alumnos e alumnas no seu acceso aos medios de comunicación, como é o caso, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.

A posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento de competencias clave a través de tarefas complexas que involucran diversas habilidades e destrezas, permitindo o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas, explican dende o Goberno galego. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como unha ferramenta pedagóxica de grande alcance para a difusión dos proxectos e das iniciativas que se fan no centro educativo.