Protesta. Máis de cincocentos veciños da Baña, Vimianzo e Zas e os seus alcaldes concentráronse diante da sede central da entidade // Alertan de que esta decisión non só afecta ós usuarios, senón a todo o tecido económico TEXTO J. Ramos -M. Manteiga

Rebelión rural na Coruña para que Abanca non peche oficinas

Reivindicación
Manuel Lavandeira
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, durante a súa intervención. Foto: C. Vimianzo

A veciñanza dos concellos de A Baña, Vimianzo e Zas volveu saír á rúa, esta vez diante da sede central de Abanca na Coruña, para amosar o seu rexeitamento ao anunciado peche de oficinas nos seus respectivos municipios. En total, máis de 500 persoas déronse cita nos Cantóns, ata onde acudiron tamén alcaldes e veciños doutros municipios para apoiar as reivindicacións.

Os tres concellos puxeron a disposición das veciñas e veciños autobuses para efectuar os desprazamentos desde as tres localidades ata a capital da provincia, efectivos aos que se sumaron as persoas que se moveron ata a cidade da Coruña nos seus vehículos particulares.

En total son nove as oficinas que Abanca ten previsto pechar en Galicia neste mes de setembro. Ás da Baña, Baíñas e Zas únense as de San Valentín (A Coruña), Campo Lameiro e Campelo (Pontevedra), San Xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado (Ourense).

Manuel Muíño, alcalde de Zas, incidiu en que a decisión de Abanca de pechar as oficinas dos tres concellos de Área de Compostela o vindeiro 8 de setembro obedece “só ao interese de incrementar as súas ganancias. Non está motivada por nada que fixeramos nós nin tampouco porque dean perdas. A única fin que ten é aumentar os beneficios da entidade a costa de prexudicar directamente a 10.000 persoas nestes tres concellos e noutros limítrofes”.

Lembrou que Abanca gañou no primeiro trimestre deste ano 137,4 millóns de euros, un 8,2 % máis que no mesmo período de 2020.

“É un atentado contra o rural”, manifestou pola súa parte o rexedor da Baña, José Antonio Pereira, quen lembrou que a oficina de Abanca é a única sucursal bancaria existente no municipio. “O peche conleva deixar de facer vida no noso concello. Non só os veciños xa non van poder facer xestións, senón que é un pau tamén para o comercio que temos. Ademais, moita da nosa poboación é moi maior e o día que vai cobrar a pensión aproveita para facer compras e outros trámites. Agora vai ter que desprazarse oito quilómetros para sacar cartos”, explicou.

Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, subliñou o feito de que a entidade bancaria non comunicara a decisión. Foron os empregados das oficinas os que empezaron a chamar aos veciños para informalos do peche. “Botamos moito de menos que non houbera comunicación e se establecera un diálogo. Súmenos na impotencia”, engade, ao tempo que se pregunta “onde quedan o asesoramento e esa cercanía co cliente da que presumen na súa publicidade?”.

A banca electrónica “non o fai todo e hai quen non sabe manexarse coas tecnoloxías. Diminúen os horarios, pechan oficinas, botan empregados, suben comisións... Trátase dun grave problema que afecta tamén a outros concellos”, indicou.

“Isto vai supoñer, ademais de que as persoas se vexan na obriga de desprazarse e perder tempo e cartos para acudir a unha sucursal, que as outras oficinas se vexan colapsadas. Unha situación que tamén vai afectar moi negativamente ao comercio local. Estas políticas son contrarias á necesaria dinamización do rural; non podemos permitir este desmantelamento”, conclúe a rexedora.

Ante esta situación, dende o BNG tamén anuncian que o seu deputado, Néstor Rego, levará ao Congreso a necesidade de establecer unha regulación que impida “as graves consecuencias da reestruturación e concentración bancaria”.

Os nacionalistas reclaman que se esixa ás entidades que manteñan os servizos de atención “de maneira presencial”, que se evite o peche de sucursais e que se regule o sector “para pór fin á escalada de abusos bancarios”. Para Néstor Rego, o proceso que se está a vivir “é o resultado dunha decisión política: a de permitir a reestruturación e dar entrada a fondos especulativos, así como que a día de hoxe se manteña a Reforma Laboral que facilita a destrución de milleiros de postos de traballo a través dos ERE”.

Denuncia ademais que o sector bancario aproveitou “o confinamento para reducir horarios e persoal, así como para pechar oficinas, empeorando a calidade do servizo mentres incrementan as comisións que cobran ás persoas usuarias”.