Reconvertida en Casa do Maior a escola de Xaviña

Conta con cinco prazas para unha atención de oito horas, de luns a venres // O Concello de Camariñas acondicionou dúas aulas
Servizos Sociais
Manuel Lavandeira
Colexio de Xaviña, agora reconvertido en Casa do Maior. Foto: Concello de Camariñas

O antigo colexio de Xaviña xa funciona como Casa do Maior despois de ser aprobado pola Consellería de Política Social o proxecto presentado por unha das empresas que respondeu á chamada do Concello de Camariñas, que ofertou dúas aulas da planta baixa do edificio como espazo para albergar este servizo.

Este tipo de centros, que permiten achegar ao rural iniciativas similares aos Centros de Día, están financiados integramente pola Xunta de Galicia a través dunha liña de axudas publicada no mes de marzo para a posta en marcha de Casas do Maior.

A de Xaviña conta cunhas instalacións totalmente equipadas, con espazos de lecer, zona de descanso e cociña, ofrecendo tamén a posibilidade de facer actividades no exterior... Dispón de cinco prazas para unha atención gratuíta e continuada de oito horas, de luns a venres, podendo quedarse a comer.

Os usuarios e usuarias interesadas teñen que ser derivados a través de Servizos Sociais despois da valoración pertinente. Tamén está aberta para as persoas que, por situacións de soidade ou illlamento, a traballadora social valorase que poden ser usuarias deste dispositivo. Alí farán actividades ideadas para persoas activas, de socialización, exercicios, potenciación dos hábitos da vida diaria, etc.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “é moi importante implantar este tipo de iniciativas, moi necesarias e demandadas, que achegan servizos esenciais ao rural, fomentado a autonomía das persoas maiores”, e explicou que “se fará a coste cero para o Concello a través desta vía, dando ademais utilidade social a un ben de titularidade municipal”.

MAXIA DE NADAL. Un novo servizo que chega canda o Nadal, que encherá de maxia o municipio de Camariñas. Este venres, día 24, a alcaldesa, Sandra Insua recibirá a Papá Noel na casa consistorial antes de que comece o seu percorrido por todas as parroquias do Concello.

O domingo, día 26 ás 18.00 horas, a Casa de Pedra da capital municipal acollerá o espectáculo de fantasía, maxia e sombras chinesas Historias fabulosas, dous magos e outras cousas, de Ian e Elisa. A actuación está dirixida ao público familiar e ten unha duración de cincuenta minutos.

E o ano novo comezará en Camariñas cun Scape Room Máxico, que mesturará a maxia, o misterio e outras probas nunca antes vistas. Será o día 2 de xaneiro, a partir das 18.00 horas na Casa de Pedra. Está dirixido a nenos e nenas de catro a doce anos e durará uns cincuenta minutos.